A apertura da nova sede é froito do acordo de colaboración entre o Concello de Arteixo, que cedeu o espazo necesario no Centro Tecnolóxico, e a Deputación da Coruña que achega o persoal especializado
A Deputación da Coruña puxo estes días en marcha unha nova oficina tributaria en Arteixo que permitirá aos cidadáns realizar todas as xestións que afecten ao ámbito tributario e recadatorio, axilizando desta maneira todos os trámites administrativos e evitando desprazamentos aos veciños desta contorna.
A nova sede, que se engade ás xa existentes na Coruña, Betanzos, Ferrol, Narón, Ortigueira, Ordes, Corcubión, Negreira, Arzúa, Santiago de Compostela e Ribeira, abriu as súas portas grazas ao acordo alcanzado entre o Concello de Arteixo, que cedeu un espazo necesario no Centro Tecnolóxico, e a institución provincial, que achega o persoal especializado.
A apertura da nova oficina enmárcase dentro do obxectivo que persegue a Deputación da Coruña, que non é outro que ofrecer unha maior calidade de atención ao cidadán e unha mellor distribución dos recursos da atención persoal en toda a provincia.
A sede de Arteixo, situada na avenida Arsenio Igrexas, na parcela nº 46 do Polígono de Sabón, estará aberta ao público de luns a venres de 9 a 14 horas. O seu número de teléfono é o 981.080.214.
Ademais do servizo que se ofrece nas sedes físicas, a Deputación da Coruña ten posto tamén a disposición de todos os cidadáns un teléfono gratuíto de atención ao contribuínte a través do 900.132.204; a oficina virtual tributaria a través da web dicoruna.es; e a atención por correo electrónica na dirección atencion.tributaria@dicoruna.es