O proceso servirá para a creación dunha bolsa de traballo para os 3 anos seguintes e as solicitudes poderán presentarse ata o 8 de xullo
O Concello de Noia vén de convocar o proceso de selección, mediante o sistema de concurso oposición, para cubrir 12 postos de traballo da categoría de peóns para o servizo de obras e de limpeza viaria. Un contrato de 3 meses de duración, con xornada a tempo parcial (25 horas semanais) e baixo a modalidade de contrato de traballo temporal con cláusulas específicas de contrato temporal de traballos de interese social que hoxe foi publicado no BOP e cuxas bases poden descargarse da sede electrónica do Concello noiés (https://noia.sedelectronica.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, a contar dende mañá mércores (polo que o prazo de admisión pecharase o luns 8 de xullo). Con todas as solicitudes presentadas crearase unha bolsa de traballo que terá unha vixencia para os próximos 3 anos. A concelleira de Protección Civil, Ángela Neri, explica que “as doce persoas seleccionadas desenvolverán labores de peón de limpeza viaria e espazos públicos, así como traballos de albanelería en obras de arranxo, mantemento, pavimentación e reparación de beirarrúas así como actuacións de conservación e acondicionamento de áreas recreativas, áreas axardinadas e zonas verdes”.
Para poder participar na convocatoria é preciso ter cumpridos os 16 anos, ser español/a ou nacional dun estado da UE e posuír certificado de ter superado a ESO ou título de graduado escolar ou equivalente, así como o CELGA 2 ou superación dunha proba de nivel. As persoas interesadas en tomar parte no proceso selectivo deberán entregar unha instancia no Concello de Noia, xunto á documentación esixida nas bases, antes do vindeiro 8 de xullo. A instancia poderá presentarse ben no Rexistro do Concello de Noia, nas oficinas de Correos ou a través da sede electrónica do Concello noiés.