Thursday 21 de November de 2024

O alcalde reparte as áreas do Goberno local co obxectivo de “ofrecer un proxecto coherente e recoñecible á cidade”


Celebrouse a primeira xuntanza do novo Goberno municipal. Pouco despois, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta do reparto de áreas do Executivo local, que configurou co obxectivo de “ofrecer un proxecto coherente e recoñecible á cidade”.

O reparto de áreas do novo Goberno municipal será o seguinte:

– Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural. Primeira tenente de alcalde.

– Gumersindo Guinarte Cabada, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo. Delegado do Ano Santo 2021. Segundo tenente de alcalde.

– María Milagros Castro Sánchez, concelleira Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns. Terceira tenente de alcalde.

– Gonzalo Muíños Sánchez, concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas. Cuarto tenente de alcalde.

– Marta Abal Rodríguez, concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Quinta tenente de alcalde.

– José Manuel Pichel Patiño, concelleiro de Medio Rural.

– Noa Susana Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas.

– José Javier Fernández Martínez, concelleiro de Centros Socioculturais, Barrios e Obras.

– María Esther Pedrosa Carrete, concelleira de Deportes e Benestar Animal.

A Xunta de Goberno Local estará integrada por: Mercedes Rosón, Gumersindo Guinarte, Mila Castro, Gonzalo Muíños, Marta Abal, José Manuel Pichel, Noa Díaz e José Javier Fernández. As sesión celebraranse os luns. O alcalde exercerá de voceiro da Xunta de Goberno e Gumersido Guinarte de secretario.

Desenvolvemento económico e reforzamento do papel da cidade
O alcalde resérvase para si mesmo as competencias no ámbito do desenvolvemento económico, que inclúen as áreas de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados. A este respecto, indicou que é unha área que lle gusta e na que vén traballando nos últimos anos, sobre todo en relación con municipios portugueses como Braga ou Viana do Castelo, os cales, dixo, “teñen cousas das que debemos aprender deles”.

Esa referencia a outros modelos aplicouna a ámbitos nos que considera que Santiago debe reforzar a súa presenza, como no Eixo Atlántico, no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España ou en proxectos europeos. En calquera caso, indicou que se aproveitará todo o que se “fixo de utilidade” neste ámbito, e puxo como exemplo a candidatura de Santiago como cidade creadora da UNESCO en base a un proxecto en torno ao cine. Precisamente sobre a cultura, apuntou como un dos retos da lexislatura que “a cultura se converta nun motor económico, co que xeracións de mozos e mozas se poidan gañar a vida”.

A preguntas dos/das xornalistas, malia este reparto de áreas, o rexedor non descarta a “incorporación doutras forzas políticas”. Neste sentido, indicou que lles dará a estas “todas as facilidades para a participación e a colaboración activa”, co obxectivo final de ofrecer un “proxecto coherente e recoñecible á cidade” e de que esta “recupere o pulso e a iniciativa”.

Informe orzamentario
Finalmente, o alcalde indicou que está pendente de recibir da Intervención municipal un informe sobre o estado das diferentes partidas orzamentarias, así como a liquidación orzamentaria do 2018 e o estado de execución das contas de 2019 a 31 de marzo. A partir de aí, dixo, tomaranse decisións neste ámbito, se ben avanzou que “respectarei os compromisos do Goberno anterior, incluído aqueles que non me gustan”.