A Raíña Alda e o Druída protagonizaron o ritual ancestral co que as tribos celtas daban a benvida ao solsticio de verán
Arredor de 200 persoas achegáronse ao Pico Sacro para participaren na Cerimonia do Lume Sagrado. Esta actividade está incluída dentro do ciclo cultural Un mes e Pico: O Pico Sacro na Cultura Xacobea, que o Concello de Boqueixón está a desenvolver dende principios deste mes.
Encabezadas pola Raíña Alda, a máis fermosa, e o Druída, as tribos celtas de Boqueixón e Callobre, encontráronse na parte baixa do cumio do Pico Sacro para despois trasladárense a carón da Capela de San Sebastián onde se desenvolveu a Cerimonia do Lume Sagrado. Ante a mirada do multitudinario público asistente, o Druída tomou o seu bastón –cunha lupa na parte superior- para captar a forza do Astro Rei e, deste xeito, acender as chamas no pebeteiro. Unhas chamas coas que se fixo honra aos deuses celtas e aos espíritos da natureza nun entorno tan inigualable como o Pico Sacro.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e máis o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participaron nesta Cerimonia do Lume Sagrado. O rexedor boqueixanés aproveitou a ocasión para animar a todas as persoas asistentes a achegárense a Santiago o vindeiro sábado 22 de xuño. Será nesa noite cando as tribos de Boqueixón e Callobre se unan de novo para, nesta ocasión, recrear a Entrega do Lume Sagrado á cidade de Santiago.
Tal e como explicou Fernández Munín, “o percorrido sairá do entorno da Capela de Santa Susana ás dez da noite e cruzará o casco histórico de Santiago. O desfile rematará na praza de Mazarelos, onde se realizará a Ofrenda do Lume Sagrado”, explicou.
Ao igual que no caso da Cerimonia do Lume Sagrado, todas as persoas interesadas en formar parte do séquito da Raíña Alda, pode solicitar a súa participación voluntariamente. Dende o Concello de Boqueixón aportarán os traxes e complementos precisos para a caracterización. Para poder participar, hai que poñerse en contacto co Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com).
Tanto a Cerimonia como a Ofrenda do Lume Sagrado contan coa colaboración da Asociación Cultural do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). Ambas iniciativas contan con maior aceptación ano tras ano.