Tende a man aos 4 novos edís da oposición “para facer un labor construtivo e traballar polo benestar dos veciños e veciñas de Frades”
Roberto Rey Martínez tomou posesión como alcalde de Frades para os vindeiros catro anos durante un acto celebrado esta tarde nun salón de plenos cheo ata a bandeira. “A ver se a xente se anima e vén máis ao resto de sesións”, apuntou Rey Martínez tras ser elixido alcalde cos 7 votos a favor do Partido Popular, mentres que os 3 concelleiros do PSOE apoiaron ao seu candidato, Enrique Astray, e o concelleiro do BNG, Manuel Míguez, se votou a si mesmo.
Roberto Rey agradeceu o respaldo obtido polos veciños e veciñas de Frades, con máis do 63% dos sufraxios o pasado 26 de maio, e o traballo realizado polos concelleiros e militantes do seu partido. Así mesmo, tivo palabras especiais para a súa familia, ausente na sesión porque, como explicou emocionado o propio alcalde, estaban nunha competición de atletismo: “É unha cousa que ten a política, nunca podes acompañar á familia cando o necesita”. Unha afirmación que arrincou un forte aplauso do público.
Roberto Rey agradeceu o traballo dos concelleiros saíntes e felicitou aos catro novos concelleiros da oposición, que se incorporan nesta lexislatura. “Tendo a man aos concelleiros da oposición para facer un labor construtivo e traballar polo benestar dos veciños e veciñas de Frades”. Neste sentido, comprometeuse a “ser o alcalde de todos os veciños e veciñas de Frades, dos que me votaron e dos que non, e vou seguir tratando a todas as parroquias por igual”.
Finalmente, Roberto Rey comprometeuse a “traballar por mellorar os nosos servizos sociais, o servizo de axuda no fogar, para construír un centro sociocomunitario, para implantar unha ou varias casas do maior e construír un punto de atención á infancia con Mesía”, destacando que “unha das prioridades será a creación de emprego. Para iso promoveremos a implantación de empresas no concello e colaboraremos coas xa existentes”. Así mesmo, Rey Martínez apostou “pola incorporación dos mozos á gandería e que axuden a diversificar o noso tesouro, o leite, para que saian outros produtos de Frades, non só leite natural”.
Corporación
A mesa de idade estivo composta por Jesús Francos Sánchez (PP) e Enrique Astray Otero (PSOE). A votación realizouse a man alzada e, antes da intervención do alcalde, os voceiros da oposición tomaron a palabra e felicitaron ao alcalde pola súa toma de posesión. Así, Enrique Astray explicou que “ser parte do futuro de Frades é o obxectivo do Partido Socialista, por iso comprometémonos a velar polos intereses do noso concello. Aquí comeza o noso traballo de oposición, unha oposición construtiva sempre ao servizo dos fradenses”. Ademais, insistiu en que “vimos para facer política con maiúsculas, con altura de miras, con sentido do deber e sempre á altura das circunstancias”.
Pola súa banda, Manuel Míguez comezou facendo autocrítica, pois “as urnas déronnos un importante e inapelable correctivo do que temos que tomar nota, especialmente eu como candidato, pero en ningún caso nos levará a desfalecer ou cambiar os principios nos que cremos”. Míguez asegurou que “os veciños non sempre acertan, pero teñen as súas razóns” e anunciou que “a nosa misión será poñernos a disposición dos veciños e veciñas de Frades para, na medida das nosas posibilidades, serlles útiles”.
Así, a corporación municipal de Frades para os próximos 4 anos queda constituída do seguinte xeito:
Roberto Rey Martínez (alcalde). PP
María de los Ángeles Álvarez Carro. PP
Jesús Miguel Prado Cea. PP
Manuel Ferreiro Marzoa. PP
Jesús Francos Sánchez. PP
Óscar Botana Rúa. PP
Juan Carlos Portos Bra. PP
Enrique Astray Otero. PSOE
José Luís Pereira Bao. PSOE
Aurelio Garea Portos. PSOE
Manuel Míguez Villaverde. BNG