José Luis Martínez Sanjurjo gobernará con maioría absoluta durante a lexislatura 2019-23, tras ser elexido alcalde cos nove votos a favor do seu grupo (PP), a abstención do BNG e o rexeitamento de UxO e PSdG-PSOE
José Luis Martínez Sanjurjo pasa a ser, por segundo ano consecutivo, alcalde do Concello de Ordes. Así se acordou por parte da nova corporación que igualmente hoxe tomou posesión do seu cargo tras os xuramentos neste pleno de toma de posesión.
Unha sesión que transcorreu sengundo o esperado e que estivo presidida pola mesa de idade composta polos edís populares José Manuel Mira Gómez e Jessica López Varela. José Luis Martínez Sanjurjo proclamouse alcalde de Ordes para o mandato 2019-2023 grazas aos nove votos do seu propio grupo, mentres que o BNG (3) se abstivo e UxO (3) e PSdG-PSOE (2) votaron en contra.
Deste xeito a nova corporación quedou constituída polos seguintes representantes
Alcalde
• PP: José Luis Martínez Sanjurjo
Concelleiros do equipo de Goberno local
• PP: Ana Soneira Liñares, José Manuel Mira Gómez. Abel Blanco Viqueira, Jessica López Varela, José Manuel Rodríguez Méndez, Susana García Gómez, Pablo Vázquez Candal e José Antonio Cabeza Fraga.
Concelleiros da oposición
• BNG: Pablo Vidal Ríos, Paula Castenda Blanco e Gonzalo Veiras Carneiro.
• UxO: Alba Regos Mata, Manuel Iglesias Vieites e Marcos Fernández Louro
• PSdG-PSOE: Fernando Viqueira Nouche e Carmen María Ferreiro Villaverde
Ao igual que hai catro anos, no seu discurso de apertura non faltaron as alusións a Castelao. José Luis Martínez Sanjurjo resaltou “os novos retos aos que nos enfrontaremos e a oportunidades de envergadura aos que trataremos de responder con traballo, ilusión, rigor, honestidade e con absoluta transparencia”.
Tamén agradeceu “o inmenso caudal de confianza que articulou unha maioría absoluta que fará máis doada a acción de Goberno a prol de todas as veciñas e veciños, indistintamente de a quen votaran”. Tamén fixo alusión ao Dito e feito, o seu lema de campaña “tan ben entendido polo pobo de Ordes”, Unha premisa que seguirá sendo “o fin principal dos nosos actos, feitos e modo de actuar, falar facendo”. Martínez Sanjurjo ofreceu a toda a corporación “lealdade institucional e man tendida porque por riba das nosas diferenzas se sitúa o interese supremo de Ordes”. Para conseguilo aplicará “unha interlocución fluída e exemplar”. O novamente alcalde convidou a toda a corporación a lograr dunha vez por todas “a aprobación definitiva do PXOM, fundamental para asegurar o presente e o futuro de Ordes”
Para facilitar o seguimento do acto a todas e todos os veciños o Concello de Ordes instalou unha gran pantalla de vídeo na mesma alameda de Ordes, onde se congregou numeroso público que, por cuestión de espazo, non puido acceder ao interior do salón de Plenos do antigo consistorio.