A nova Corporación está conformada por 7 edís do PP e 4 de Veciñ@s de Boqueixón
Manuel Fernández Munín vén de ser investido como alcalde de Boqueixón. Así se ratificou no Pleno de constitución da nova Corporación, composta por 11 edís, 7 deles do Partido Popular e os 4 restantes, de Veciñ@s de Boqueixón.
Na súa intervención, Fernández Munín tivo verbas de agradecemento á veciñanza “que apoiou a candidatura do PP de Boqueixón para dirixir este Concell durante os vindeiros catro anos”. Do mesmo xeito, comprometeuse a traballar arreo para “mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza” desenvolvendo proxectos que permitan avanzar no desenvolvemento dos servizos municipais.
O rexedor boqueixanés lembrou que dende o PP boqueixanés presentaron “un programa claro, factible e cuantificable co que queremos posicionar ao noso Concello como un referente en servizos á veciñanza”. Para alcanzar este fin, conta cun “equipo comprometido co noso pobo”. Así, salientou algúns dos proxectos máis importantes para os vindeiros catro anos, como a conxelación –ou incluso rebaixa- dos impostos, a ampliación do servizo de saneamento, a humanización das aldeas, a potenciación da área social con máis servizos para a cidadanía, ou a extensión da fibra óptica a todos os recunchos do municipio.
Por outra banda, Manuel Fernández Munín felicitou tamén a Veciñ@s de Boqueixón polos resultados electorais. Ademais, instounos a facer unha oposición responsable e a establecer un diálogo fluído entre ambas forzas políticas con fin de chegar a acordos para “o interese do conxunto da cidadanía. Anímolles a aportar as súas propostas para poder facer, entre todos e todas, un Boqueixón mellor”, concluíu.
Integrantes da nova Corporación municipal
Tras constituírese a mesa de idade (composta por José Manuel Canabal e Iván Eirís Castro), procedeuse á toma de posesión das actas de concelleiros e concelleiras que xa compoñen a Corporación Municipal. Esta está composta polos seguintes edís:
Partido Popular de Boqueixón
• Manuel Fernández Munín
• José Manuel Canabal Vázquez
• Ana María Seijo Mosquera
• Marta Magina Copóns Neira
• José Manuel Iglesias Gómez
• Alejandro Bermúdez Devesa
• Jesús Sanjuás Mera
Veciñ@s de Boqueixón
• Xabier Canabal Fernández
• Iván Eirís Castro
• Ángela Santasmarinas Lorenzo
• María Carmen Soutullo Carolo
No seguinte Pleno da Corporación de Boqueixón conformaranse as distintas áreas de goberno.