No marco da Feira do Libro de Riveira, o polifocético Xurxo Souto animou o soleado mediodía de hoxe cun espectáculo musical en torno á súa obra “A gran travesía de Chiruca Macallás”, novela sobre unha viaxe ao Gran Sol dun barco patroneado por unha muller.
Numerosos veciños quixeron ser cómplices dunha proposta na que non faltou a interpretación de vellas cantigas de traballo das mulleres do mar e referencias constantes á festa da Dorna como un exemplo de creatividade e imaxinación.
A V Feira do Libro estará aberta ata mañá domingo, en horario de 12 a 14.30 e de 18 a 21.30 horas. Conta con stands da Libraría Pedreira, a Libraría Cortizas, Ler Libraría da Pobra do Caramiñal e Libraría Cartabón, ademais da Deputación da Coruña, con obras á venta cun 10% de desconto.