Xosé A. Sánchez Bugallo tomou posesión do cargo de alcalde no Pleno de constitución da nova Corporación 2019-2023 celebrado na mañá do sábado. O cabeza de lista do PSdeG-PSOE foi elixido ao ser o candidato máis votado (10 votos), fronte aos 8 recibidos polo candidato popular, Agustín Hernández e contando con 7 votos en branco ou abstencións.
Sánchez Bugallo comezou o seu discurso de toma de posesión agradecendo a confianza, á que se comprometeu a responder cunha “total dedicación, lealdade e compromiso”. Nese sentido, reafirmou o seu “compromiso de lealdade e de servizo a Compostela e a todas as veciñas e veciños” e a súa dedicación a que “Santiago aproveite estes catros anos para tomar un impulso decisivo”.
En canto aos obxectivos do seu mandato, citou o Ano 2021 como o “grande reto” e a “máis grande oportunidade”, pero tamén se referiu a outros sectores estratéxicos, como a Universidade, a industria, o comercio ou o turismo. Sobre este último, indicou, cómpre “reformular a nosa aposta polo turismo, nun momento no que parece que a atracción está garantida, e toca buscar a selección e harmonizar a convivencia coa propia cidade”, buscando un modelo “sostible, máis rendible economicamente e que permita a convivencia entre a poboación local e o turismo”.
Responsabilidade compartida
Tamén se referiu o novo alcalde aos escenarios de goberno que se presentan, expresando a súa preferencia por “un escenario de diálogo e negociación permanente, sen exclusións, intentando incorporar a toda a Corporación, ou cando menos aos que estean dispostos a confluír no proceso de definición dos obxectivos e do proxecto de cidade”. “Apelo á responsabilidade compartida, á corresponsabilidade, á que cada quen, dende a posición que lle deron os cidadáns, se sinta parte desta tarefa conxunta e compartida de construír Compostela”, reiterou.
Así, o alcalde dirixiuse aos concelleiros e concelleiras da Corporación apuntando que a tarefa de gobernar na nova lexislatura “vai ser un proceso complexo, que vai requirir paciencia case infinita e multitude de esforzos”. Pero aseguroulles que “se o facemos así, será un éxito de todos e un triunfo para Compostela. E por iso pídolles o mesmo que ofrezo, lealdade á cidade, xenerosidade, diálogo e altura de miras”
Puxo como exemplo desta desexable cooperación, o acordo asinado por todos os cabeza de lista co Foro Cívico a prol da “defensa e da activación en común dos intereses xerais de Santiago de Compostela, con referencia expresa á industrialización, á estación intermodal, ás infraestruturas, á EDAR e á reforma e modernización da Administración Municipal”; e tamén o compromiso do Pacto polo Rural.
Seguindo con ese ámbito da cooperación, Xosé A. Sánchez Bugallo aposta por recuperar o Consorcio da Cidade de Santiago como instrumento imprescindible e efectivo” e, con iso, pola “recuperación da posición institucional de Santiago como cidade singular dentro de Galicia e de España”.
Ano Santo e Plan Estratéxico
De volta ao Ano Santo 2021, indicou que debemos acoller a todas as persoas que chegarán para esa data nunha cidade “ordenada, amable, acolledora, limpa e segura”. Con ese obxectivo, anunciou a posta en marcha, con carácter inmediato, dunha comisión de traballo preparatoria.
Outros obxectivos do novo Goberno municipal será o Plan Estratéxico Compostela 2020-2030, no que será parte fundamental “a recuperación da Cidade Histórica como cidade viva e habitada, que oferte a mesma calidade de vida para os seus veciños que no resto da cidade”. Medidas como a posta en marcha da Concellaría, da Oficina e do Consello Municipal da Cidade Histórica irán nese sentido.
Oportunidades para todos/as
No eido social, Sánchez Bugallo indicou que traballará para lograr unha cidade “inclusiva, igualitaria, aberta, con oportunidades para todas e todos, en suma, unha boa cidade para vivir e traballar, porque esta é sen dúbida a razón pola que nos escolleron os veciños e veciñas de Compostela”. Por iso, dixo, apostará por unha cidade solidaria, que protexa especialmente as persoas con maiores dificultades, e por revitalizar os barrios.
O alcalde tamén tivo palabras para o persoal municipal, convencido da súa “participación e implicación activa”. “Foron quen de facelo noutros momentos e estou convencido de que poderemos contar coa súa profesionalidade e dedicación nesta nova etapa; aínda que sei das dificultades que tiveron e teñen que afrontar como consecuencia dunha longa década de recortes e de outras moitas cousas”, indicou.
Finalmente e antes do capítulo de agradecementos, Sánchez Bugallo fixo un chamamento á sociedade civil para que “sexa partícipe activa dos procesos; partícipe e sexa esixente con todos os seus representantes, comezando polo Goberno municipal e por quen lles fala; que non se conforme co que temos, Santiago pode e debe facelo moito mellor e chegar máis lonxe”.