Monday 25 de November de 2024

Concello de Noia e Noia Histórica convidan á veciñanza da comarca a participar o 29 de xuño na exposición de coches e motos antigas


O alcalde en funcións, Santiago Freire, aproveitou para agradecer a Francisco Pérez o traballo realizado ao longo destes últimos 8 anos á fronte de Noia Histórica

O Concello de Noia e Noia Histórica organizan o próximo sábado 29 de xuño unha exposición de coches e motos antigas, vehículos de 30 ou máis anos de antigüidade que poderán ser visitados A participación é de balde, se ben por razóns de organización será preciso inscribirse antes do 21 de xuño no teléfono 981 82 47 64 (en horario de 10:00 a 14:00 horas) ou no mail administración@noiahistorica. En caso de que houbera moita participación, a exposición tamén se ampliaría á alameda de Noia.

Un evento que foi presentado esta mañá polo alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire, e o presidente de Noia Histórica, Francisco Pérez, quen estiveron acompañados pola concelleira de Comercio en funcións, Mariola López Cierto; a secretaria de Noia Histórica, Yanira Somoza López; e o vicepresidente da asociación, Alfonso Balderrábano. A presentación foi empregada por Francisco Pérez para despedirse oficialmente despois de 8 anos á fronte da asociación, toda vez que decidiu non presentarse ás eleccións do vindeiro martes.

“Acaba unha etapa moi importante na miña vida”, explicou Francisco Pérez, quen apuntou que “necesitaría moito tempo para agradecer a colaboración de todas as persoas que nos apoiaron ao longo destes 8 anos, así que vou facer un agradecemento en xeral” e se remitiu a unha carta aberta á veciñanza publicada no último número da revista de Noia Histórica. Pola súa banda, Santiago Freire aproveitou para agradecerlle a Francisco Pérez “todo o traballo desenvolto ao longo dos últimos anos. Un traballo cuxos resultados están á vista de todos”. De feito, Freire Abeijón considera que “todos os veciños de Noia temos que estar agradecidos desa tarefa” e agarda que “siga contribuíndo coa súa experiencia ao éxito de Noia Histórica”.

Exposición

Santiago Freire felicitou aos presentes pola iniciativa do vindeiro 29 de xuño pois “é unha boa ocasión para que a xente saque á rúa os vehículos clásicos, que outros os veñan contemplar e así dinamizar o comercio local. É unha actividade diferente que de seguro atraerá a moitos visitantes á nosa vila que farán gasto no noso comercio e que aproveitarán tamén para coñecer a riqueza do noso municipio”.

Pola súa banda, Mariola López Cierto, engadiu que o evento “coincidirá coas rebaixas, polo que convidamos a toda a veciñanza da comarca a que se achegue a Noia e compre no noso comercio”. Así mesmo, fixo un chamamento “a todos os veciños e veciñas de Noia e de concellos da contorna con coches e motos históricas a que se apunten e participen nesta exposición”.

Unha exposición que dará comezo ás 11:00 horas do sábado 29 de xuño. “Ás 11:00 terá lugar a recepción dos vehículos e cada participante recibirá un obsequio de benvida. Despois, ás doce farán unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos de Noia e ás 13:30 horas desfrutaremos todos dunha sesión vermú musical”, explicou Yanira Somoza.