Confirma a adhesión do Concello de Lousame ao protocolo de colaboración coa Xunta de Galicia
A alcaldesa en funcións de Lousame, Teresa Villaverde, celebra o anuncio realizado onte pola Xunta de Galicia de licitar un servizo que garanta que veciños e veciñas de municipios coma Lousame poidan dispoñer de servizos financeiros básicos no seu concello. Unha medida que suporá a instalación dun caixeiro automático en Lousame e que incluirá outros dous servizos: un de asistencia financeira ao cidadán para solucionar dúbidas de xeito presencial e outro de formación en banca electrónica para a veciñanza interesada en adquirir esas habilidades.
Teresa Villaverde confirma a súa intención de autorizar de inmediato a sinatura do protocolo de adhesión do Concello de Lousame a esta iniciativa. “A instalación dun caixeiro automático ou dunha oficina bancaria en Lousame é algo polo que levamos anos traballando, pero sen conseguir ningún avance. Por iso é de celebrar a iniciativa da Xunta de Galicia para que os veciños e veciñas de Lousame poidan realizar xestións como retirar ou ingresar cartos, actualizar as cartillas ou pagar os recibos sen necesidade de desprazárense a concellos próximos”, explica Villaverde Pais.
Así mesmo, amosouse moi interesada nos servizos de asesoramento anunciados polo presidente da Xunta pois “a nosa experiencia coas novas tecnoloxías está a ser moi positiva. Os cursos de manexo de móbil e internet están facendo que moitos dos nosos maiores xa saiban como solicitar cita no médico de forma telemática, polo que será moi interesante que aprendan a acceder aos servizos da banca electrónica”.