Un total de 22 artistas participarán na actividade do 14 ao 16 de xuño
O XIV Encontro coa Arte “Lembrando a Antón Fraguas” arrinca mañá venres 14 de xuño en Brión con 22 artistas participantes, tanto galegos como chegados doutros puntos de España. A actividade comezará ás 10:00 horas coa novidade desta edición: uns obradoiros de pintura de acuarela para o alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión. Uns obradoiros impartidos polos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas e José Galarzo, participantes nos encontros, ata as 12:00 horas.
Pola tarde, entre as 16:30 e as 20:00 horas terá lugar a primeira sesión de pintura ao natural, na que os 22 artistas compartirán as súas técnicas e coñecementos entre eles e coa veciñanza da parroquia dos Ánxeles, pois estarán emprazados na contorna da Igrexa dos Ánxeles e nos xardíns do Hotel Casa Rosalía.
Finalmente, ás 21:15 horas, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá a inauguración da exposición coas 29 obras doadas no XIII Encontro coa Arte “Lembrando a María Victoria Moreno”. Un acto presidido polo alcalde en funcións de Brión, José Luís García, e no que estarán presentes os 22 artistas que participan nesta edición de 2019 e que contan cunha obra na exposición: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Javier del Valle, José A. Regidor, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.