Esta mañá tivo lugar o último Pleno do actual mandato do Concello de Ordes. Unha vez aprobada a acta da sesión anterior o alcalde en funcións, José Luis Martínez Sanjurjo, tivo palabras de agradecemento “para todas e cada unha das persoas que formaron parte da corporación municipal na lexislatura 2015-2019 que agora remata”. De maneira especial destacou “a lealdade, colaboración e traballo intenso demostrada polos concelleiros e concelleiras que me acompañaron e apoiaron incondicionalmente nestes catros anos, e sempre en prol de un Ordes mellor”.
Martínez Sanjurjo estendeu o seu agradecemento a “compañeiros doutras formacións políticas que souberon antepoñer os intereses de Ordes aos intereses partidistas curtopracistas”, especialmente á hora de aprobar inicialmente o PXOM, ou apoiar os plans de obras e os orzamentos municipais dos exercicios 2018 e 2019”.
Entre todas as dificultades que o Goberno local debeu sortear nestes últimos 4 anos sinalou a difícil situación económica coa que se atoparon á súa chegada no 2015 ou unha xestión dos recursos e dos servizos caótica. Entre os obxectivos acadados nesta lexislatura mencionou a apertura do Concello chegando a atender 4.000 visitas ou saídas, o establecemento dunha interlocución institucional privilexiada ou o investimento superior aos 20 millóns de euros levado a cabo. Nun momento dato tamén tivo palabras para membros da corporación que non estarán presentes no próximo mandato. Este é o caso de Roberto González, Manuel Regos Boquete, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez Raña. Ademais tivo un recordo especial para Ramiro Recouso Liste, concelleiro do BNG “que iniciou este mandato con nós e que nos deixou ás poucas semanas”.
Alejandro Manteiga, voceiro do PSdeG-PSOE agradeceu “o apoio que sempre me brindaron funcionarios, funcionarios e en xeral o persoal do Concello” e felicitou tanto ao PP polos resultados acadados nos pasados comicios como a todos os cargos electos da vindeira lexislatura. Tanto Luis Gómez Candal como Beatriz Martínez Candal amosaron o seu orgullo por formar parte da corporación local ordense. Por parte do BNG Pablo Vidal sinalou que “fóra das posicións políticas o que priman son as persoas” desexándolles “todo o mellor a nivel persoal a aquelas que hoxe cesan a súa actividade”. Quen tamén valorou positivamente o seu periplo en política foi Manuel Iglesias, de UxO, aludindo tamén á nova etapa que en breve iniciarán “cun novo equipo”.
“Morrerei político”
Sen dúbida a intervención máis emotiva partiu do concelleiro Roberto González, fundador de Alianza Popular en Ordes e cunha andaina como representante en diversas institucións dende o ano 1983. En base á súa experiencia e traxectoria quixo brindarlle un consello aos que pasarán a formar parte da nova corporación. “Hai que servir aos ordenses independentemente de a quen voten”. O de Roberto González “máis que un adeus é un ata logo” porque como el mesmo puntualizou “seguirei sendo político ata o día que morra. Quero que funcionarios, representantes políticos, veciños e veciñas saiban que sempre estarei para o que me necesiten e os poida axudar”.
Toma de posesión
A seguinte cita no calendario será o vindeiro sábado, 15 de xuño, ás 12.30 no salón de Plenos do antigo consistorio. Alí terá lugar o Pleno de toma de posesión dun novo mandato no que José Luis Martínez Sanjurjo volverá a repetir como alcalde. Nesta ocasión contará cunha ventaxa máis folgada ao contar cunha maioría absoluta grazas aos nove membros acadados. O BNG repetirá con tres concelleiros, os mesmos cos que contará UxO, mentres que o PSdeG-PSOE terá dous.