Paralelamente este ano tamén terá lugar a I Andaina Popular Contra o Cancro
O Concello de Ordes celebrará a XXIV edición da súa Carreira Popular o próximo domingo 30 de xuño. Unha proba pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e que este ano paralelamente tamén acollerá a I Andaina Popular Contra o Cancro en colaboración coa xunta local da AECC. En ambas poderán participar tanto atletas federados como non federados.
As probas darán comezo a partir das 10 horas. No caso da andaina a hora de saída será ás 10.10. Nesta nova edición da Carreira Popular poderán participar corredores e corredoras de todas as categorías a partir da baby (nados/as en 2014 e anos posteriores). Todas as inscricións, incluídas as da andaina, deberán facerse a través da páxina galega www.carreirasgalegas.com ata o mércores 26 de xuño. Cómpre ter en conta que os equipos ou clubs que desexen optar aos premios en metálico deberán formalizar a inscrición individual de cada compoñente e ademais remitir un correo electrónico á dirección FGAsantiago@gmail.com no cal se reflectirá a composición de atletas e os datos persoais de cada un deles (nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, club e número de licenza federativa no caso de tela).
O prezo para a proba absoluta é de 4 euros mentres que as categorías escolares serán de balde. Por outra banda, a andaina ten un custo de 2 euros que serán destinados integramente á AECC, ao igual que parte do recadado na proba absoluta (1 €). Tamén existirá un ‘Dorsal 0’ a través da web www.carreirasgalegas.com para poder facer achegas económicas indiferentemente de que se participe ou non en ambas as probas.
Outra das novidades máis destacadas desta edición é o novo percorrido establecido. Estes van dende os 8.300 ata os 400 metros segundo a categoría, sendo de 4.200 metros no caso da andaina. Itinerarios que no caso das probas máis relevantes discorrerán tanto polo casco urbano como polas inmediacións da vila. En calquera caso e ao igual que en edicións anteriores a alameda de Ordes será punto de encontro para as persoas participantes.
Os premios en metálico serán de 150, 80 e 50 euros para os primeiros clasificados na proba absoluta (varóns e mulleres) e tamén para os clubs federados. No caso dos grupos do municipio as contías serán de 150, 100 e 50 euros.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira SUB 18, SUB 20 SUB 23 Sénior e Máster. Na proba absoluta tamén se lles outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados do Concello, así como aos participantes de cada categoría máis novo e veterano que cheguen á meta. Os trofeos non serán acumulativos.
Como de costume habilitaranse duchas na piscina municipal do Muíño, ademais de dispensarse avituallamento e unha camiseta a todas e todos os atletas que conclúan a proba.
Para calquera aclaración pódese chamar ao 981680002 (ext.5) ou ben consultar as páxinas www.ordes.gal, www.carreirasgalegas.com e www.atletismo.gal.