Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición para o Descenso do Ulla en Piraguas, que terá lugar o 30 de xuño


A actividade está organizada de xeito conxunto polos Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces

Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces veñen de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do Descenso do Ulla en Piragua. A xornada deportiva celebrarase o vindeiro domingo 30 de xuño.

Esta actividade está dirixida a maiores de 13 anos e ten un custo de 20 euros por persoa. O prezo inclúe o uso da piragua (que será de dúas prazas), o desprazamento entre os puntos de chegada e saída, chaleco salvavidas e todos os seguros pertinentes para a realización da actividade.

As inscricións deberán realizarse antes do 26 de xuño. Para formalizalas, cómpre dirixirse á Oficina de Información Municipal Xuvenil (OMIX) de Boqueixón (981 513 061 ou no e-mail omixboqueixon@gmail.com).

O Descenso do Ulla en Piraguas comprende un percorrido duns 12 quilómetros que levará ás persoas participantes polo curso deste río dende as Illas de Gres (Vila de Cruces, xusto na fronteira coa parroquia boqueixanesa de Ponte Ledesma) ata Agronovo (no concello de Vedra), pasando pola área de recreo de Sucira (Boqueixón).

O punto de encontro será o campo da festa de Ponte Ledesma, onde as persoas asistentes recollerán todo o material necesario para desenvolver esta actividade. Os/as participantes deberán estar alí ás 10.00 horas.

A actividade dará comezo arredor das once da mañá e o percorrido durará dúas horas aproximadamente. Integrantes da organización da actividade estará presente en distintos puntos de todo o percorrido para garantir a seguridade das persoas asistentes. O percorrido do Descenso do Ulla en Piragua finalizará na área recreativa de Agronovo (Vedra). Desde este punto, ofrecerase un servizo de autobús para desprazar ás persoas asistentes ata o punto de saída.

Dende os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces animan á veciñanza, especialmente á mocidade, a participar nesta xornada deportiva. “Esta actividade permitiralles descubrir o río Ulla dende unha perspectiva diferente”, indicou o alcalde en funcións de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.