O Concello de Frades celebrou esta fin de semana o acto de clausura das súas escolas deportivas e culturais municipais 2018-2019 cunha festa por todo o alto á que acudiron numerosos veciños e veciñas, que se sumaron ás 150 persoas participantes nas escolas deportivas. O programa comezou cunha exposición dos traballos realizados polo alumnado dos obradoiros de debuxo e pintura, seguido dun divertido partido de fútbol sala entre pais e nais contra os benxamíns-alevíns.
Despois chegaron as exhibicións de fútbol sala, zumba kids e adultos e patinaxe, que deron lugar a unha festa de animación con música, merenda e mascotas. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Deportes, Miguel Prado Cea, fixeron entrega dos correspondentes diplomas acreditativos a todos os nenos e nenas participantes. Así mesmo, entregaron agasallos especiais ao profesorado: Cristina Rabón (patinaxe), Mónica Mosquera (zumba), Javier Ferreiro (pilates) e Laura García (debuxo e pintura), así como para o técnico municipal de Deportes, Lino Espiñeira.