Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada provincial DP-1201 coa pista municipal de O Forte


 

O proxecto conta cun orzamento de 131.000 euros e o prazo de execución é de seis meses

As máquinas están xa a traballar arreo no proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección entre a estrada provincial DP-1201 (de Rodiño a Codeso) coa pista de O Forte. Esta actuación, que conta co financiamento da Deputación da Coruña, dispón dun orzamento de 131.000 euros e o seu prazo de execución ascende a seis meses.

O proxecto de mellora desta intersección afecta a un tramo de algo máis de 200 metros da estrada DP-1201, e máis concretamente entre os puntos quilométricos 2+100 e 2+360. “Esta obra resulta de gran importancia, xa que se trata de dous viais moi transitados, porque enlazan a capital municipal, O Forte, onde se atopan importantes servizos para a veciñanza e unha estrada provincial que funciona como eixo vertebrador do municipio unindo as parroquias de Codeso e Rodiño”, afirma o alcalde en funcións de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.

Na actualidade, esta intersección resulta perigosa, xa que non conta con boa visibilidade por mor dunha curva que segue e polo cambio de rasante no P.Q. 2+220. Precisamente para paliar estas dificultades procederase á habilitación dun único cruce central de acceso á DP-1201, habilitando un carril de aceleración en dirección Rodiño e outro de deceleración en dirección Codeso, que facilitarán o acceso a este cruce. Os traballos completaranse coa execución dunha senda peonil na marxe esquerda neste tramo da estrada provincial.

“Grazas a estes traballos acadaremos unha importante mellora da seguridade viaria nun cruce polo que transitan a diario numerosos vehículos”, indica Fernández Munín. O proxecto contempla, finalmente, a habilitación da rede para a recollida de augas pluviais, canalizacións e cunetas, ademais da pertinente sinalización vertical e horizontal, así como os elementos precisos para a defensa e balizamento da estrada.