O Concello de Brión convoca dúas novas rutas de sendeirismo para os sábados 29 de xuño e 6 de xullo, que terán como destino a comarca de Bergantiños e a do Courel. Dúas andainas para as que se convocan 52 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición na Casa da Cultura de Brión ou no 981 50 99 69 ata as 14:00 horas do xoves anterior a cada roteiro.
O prezo é o mesmo que nas anteriores edicións: 8 euros, e a dificultade de ambas rutas é media. Así, o sábado 29 de xuño a expedición sairá ás 9:00 horas da carballeira de Santa Minia con destino á vila de Malpica, dende onde farán a primeira etapa dos “Camiño dos faros”, concretamente os 22 quilómetros que separan Malpica de Niñóns.
Para o sábado 6 de xullo queda a “Ruta do Río Pequeno”, 15 quilómetros entre Seoane do Courel e Lugo. Nesta ocasión, a saída da expedición adiantarase unha hora: ás 8:00 horas da carballeira de Santa Minia. Os 8 euros da inscrición inclúen o desprazamento en autobús ata o inicio da ruta e a volta ao mesmo lugar. Os participantes levarán comida tipo pic-nic para o xantar, así como calzado cómodo e axeitado.
O Concello de Brión iniciou o pasado mes de maio a Campaña de Sendeirismo 2019, cunha primeira ruta por Aguiño na que participaron 52 veciños e veciñas do municipio.