Thursday 21 de November de 2024

O Concello lanza a nova campaña de ‘Eu merco en Ordes’ para dinamizar o consumo local na época de Nadal


Está formada por carteis e un vídeo que xa se poden ver nas redes sociais e na web municipal, así como en establecementos e espazos públicos

O Concello de Ordes acaba de lanzar unha nova campaña de dinamización do consumo local. Baixo o lema ‘Eu Merco en Ordes’ elaborouse un vídeo no que veciños e veciñas do municipio lanzan a mensaxe “Eu merco en Ordes” (https://vimeo.com/xoserivera/eumercoenordes). Ademais da lingua galega tamén se fai uso do castelán e da linguaxe dactilolóxica propia dos sordomudos. Con todo elo plásmase a diversidade de compradores que existe actualmente en Ordes, o que propicia a presenza dunha gran variedade de comercios que satisfacen as necesidades de todos eles dun xeito profesional e satisfactorio. O vídeo xa se pode visualizar nas distintas redes sociais do municipio, así como na súa páxina web (www.ordes.gal).
A campaña inclúe tamén a difusión de carteis onde aparecen os protagonistas do vídeo co lema indicado anteriormente e co logotipo do Concello de Ordes. Uns traballos que se están a distribuír xa polos establecementos e espazos públicos de todo municipio.
Con todo elo o Concello de Ordes quere apoiar e dar un pulo ao seu sector comercial. Perséguese así dinamizar o consumo local de cara ás vindeiras festas de Nadal, tanto por parte da súa veciñanza como entre compradores doutras zonas ou localidades próximas. Aínda así tanto a cartelística como o traballo videográfico están especialmente pensados para ter continuidade unha vez finalizado o Nadal, extendendo no tempo o seu impacto mediante unha mensaxe perpertua no tempo.
Para o deseño e elaboración da campaña unha vez máis o Concello de Ordes depositou a súa confianza na creatividade e profesionalidade de Xosé Rivera. Un dos máis importantes comunicadores visuais a nivel galego que xa ten asinadas outras campañas comerciais dentro do municipio.