Saturday 16 de November de 2024

O programa transnacional RedMay ofrece en San Sadurniño servizos de saúde gratuítos para persoas maiores de 55 anos


 

RedMay son as siglas do proxecto Rede de apoio e mantemento comunitario de persoas maiores nas zonas rurais mediante a tecnoloxía e a innovación, que se desenvolve no marco do programa europeo Interreg V A España-Portugal, encabezado pola Consellería de Política Social, a Universidade de Vigo e a Cámara municipal de Braga. Dentro das accións previstas está a achega de servizos asistenciais por medio de unidades móbiles onde se farán revisións de saúde gratuítas. Unha unidade móbil do proxecto permanecerá na praza do antigo Concello de San Sadurniño ata o vernes ofrecendo servizos ópticos e de podoloxía, así como de prevención do deterioramento cognitivo e de detección precoz de posibles casos de Alzhéimer. Para reservar cita hai que chamar ao teléfono directo 604 020 001. O horario de atención é de 10 a 14.00h. e de 15 a 18.00h.

Destas consultas gratuítas poderán beneficiarse as persoas maiores de 55 anos, que atoparán na unidade móbil unha atención especializada para a revisión e graduación da vista, pero tamén para a prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés, como a eliminación de durezas ou o control das uñas.

Porén, se cadra o máis interesante é o terceiro servizo que estará dispoñible no autobús, centrado na detección do Alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas. Esquecementos habituais, o recordo de cousas do pasado pero non do que se fixo hai tan só uns minutos, non recoñecer lugares habituais ou non lembrar nomes de persoas próximas son só algúns indicadores que nos deben facer sospeitar que algo non vai ben.

Por iso o mellor é contar cun diagnóstico sobre que ocorre en realidade, xa que pode ser algo propio da idade, pero tamén pode ser o arranque dun proceso de deterioramento cognitivo que cómpre tratar de forma axeitada. Neste sentido, a unidade móbil do programa RedMay conta con profesionais que farán probas de valoración cognitiva e proporannos exercicios e fichas de estimulación, orientadas tanto a unha detección precoz do Alzhéimer como a manter o cerebro en forma.

A unidade móbile está en San Sadurniño desde hoxe luns ata o venres, atendendo en horario de 10 a 14.00h. e de 15 a 16.00h. É imprescindible solicitar cita no 604 020 001 . Trátase dun servizo totalmente gratuíto e, ademais, a unidade móbil está adaptada para o acceso de persoas con mobilidade reducida.

O programa RedMay botou a andar o pasado 27 de maio e San Sadurniño é un dos vinte municipios galegos -5 por provincia- que se beneficiarán desta iniciativa encadrada no programa transfronteirizo Interreg V A España-Portugal.–