Saturday 16 de November de 2024

Preto de medio cento de persoas acudiron á conferencia de Manuel Gago dentro do ciclo cultural Un mes e Pico


 

Preto de medio cento de persoas achegáronse onte á tardiña á Capela de San Sebastián para asistiren á conferencia impartida polo doutor en Ciencias da Comunicación Manuel Gago. A súa disertación, encadrada dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea, centrouse nas similitudes existentes entre o Monte Sagrado boqueixanés e outras formacións montañosas de referencia no continente.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, encargouse de presidir esta sesión. Na súa intervención, o rexedor en funcións gabou a traxectoria profesional de Manuel Gago, caracterizada por un profundo saber sobre a historia e cultura galegas. Uns coñecementos que se lle serviron como base para a conferencia impartida onte na Capela de San Sebastián.

Baixo o título O Pico Sacro e as vellas montañas sagradas da Europa Atlántica: Unha historia por construír e comunicar, Manuel Gago tomou a historia das peregrinacións en xeral e a cultura xacobea en particular como nexo común para explicar como os valores dos Camiños se transmiten nos distintos montes europeos. Neste senso, lembrou que precisamente os lugares de peregrinación non son só eses puntos, senón todo o territorio que os rodea.

Precisamente por isto existen varios puntos comúns nos diferentes puntos polos que pasan os Camiños de Santiago. Uns itinerarios que crearon unhas bases históricas e culturais comúns para todos aqueles lugares que cruzan.

Cerimonia do Lume Sagrado

O ciclo cultural Un mes e Pico continuará o vindeiro domingo 16 coa Cerimonia do Lume Sagrado. Unha representación que se realizará no cumio do Pico Sacro e coa que se recreará a tradición celta de acender o lume unicamente coa forza do astro rei e celebrando, deste xeito, a chegada do solsticio de verán. A asistencia a esta actividade é de balde.

Dende o Concello de Boqueixón lembran a veciñanza e visitantes que existe a posibilidade de participar voluntariamente nesta representación. Dende a organización aportarán os disfraces e todo o material preciso.

As persoas interesadas en participar deberán poñerse en contacto co Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com).