Están proxectadas obras no centro de menores San José de Calasanz, na residencia de maiores Torrente Ballester, no centro de atención á discapacidade e nos centros sociocomunitarios
A Xunta de Galicia destinará 1,7 millóns de euros a mellorar diferentes dependencias públicas de servizos sociais que están en funcionamento no concello coruñés. En concreto, están programadas actuacións nos centros sociocomunitarios, no de atención a persoas con discapacidade, na residencia de maiores Torrente Ballester e no centro de menores San José de Calasanz.
As actuacións forman parte do plan de obras que a Consellería de Política Social executará con cargo ao superávit autonómico de 2018 e ten un dobre obxectivo. O primeiro, mellorar a comodidade e o benestar de todas as persoas que son usuarias dos centros. E o segundo, incrementar a eficiencia enerxética deses edificios, algo que beneficiará ao medio ambiente e reducirá o custe que supón manter os centros a unha temperatura óptima.
Así, os traballos previstos contemplan a instalación dun sistema de protección solar permanente e a renovación dos ascensores da residencia de maiores Torrente Ballester, cun investimento de 600.000 euros; a reparación da cuberta do centro San José de Calasanz, presupostada en 530.000 euros; un plan de renovación das instalacións térmicas nos centros sociocomunitarios, por 436.000 euros; e a mellora da envolvente térmica do centro de discapacidade da Coruña, ao que se destinará unha partida económica de 200.000 euros.
Once intervencións na provincia
En total serán once servizos, entre centros de menores, residencias de maiores e centros de discapacidade os que se beneficiarán deste plan de obras, que inclúe un paquete de intervencións para a renovación da calefacción nos centros sociomunitarios da Coruña.
Así, ademais destas proxectadas na Coruña, tamén se fará máis eficiente o centro de menores de Ferrol e substituirase a instalación de auga quente; instalarase unha caldeira de biomasa e un vaso terapéutico no centro de discapacidade Souto de Leixa de Ferrol; renovaranse os cerramentos exteriores do Cegadi, en Santiago; substituiranse as envolventes das residencias de maiores de Carballo e A Pobra e instalarase unha caldeira de gas cidade na residencia de maiores Porta do Camiño de Santiago.
No conxunto de Galicia hai proxectadas intervencións de reforma e modernización en 34 centros de benestar social, por un montante global de 13,7 millóns de euros e que beneficiarán ás máis de 50.000 persoas que son usuarias dos mesmos. A previsión é que as obras comecen neste 2019, aínda que as de maior calado poderían rematarse no próximo 2020.