Refírese ao padre Salvado como un exemplo máis desa enerxía que demostramos tantas veces os galegos para mudar as circunstancias e non resignarnos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os valores galegos que Frei Rosendo Salvado fixo universais, como “a humanidade, a afouteza e o amor pola cultura”.
Durante o acto de presentación da edición galega do libro Memorias históricas sobre Australia e particularmente sobre a misión beneditina de Nova Nursia e os usos e costumes dos australianos, de Frei Rosendo Salvado, Feijóo afirmou que nestas memorias o misioneiro reflicte como posuía indiscutibles virtudes humanas que levou desde Galicia ata Australia; “unha delas a humildade”, aseverou a modo de exemplo.
Nesta mesma liña, Feijóo resaltou que a humanidade foi a que fixo a Frei Rosendo separarse da corrente de pensamento que predominaba no seu tempo, que insistía en dividir a humanidade en razas. “O padre Salvado promulgou que todos os seres humanos eran iguais en dignidade, conseguiu asegurar o dereito á educación dos nenos aborixes e amosou unha preocupación inédita naquel tempo por achegar a cultura aos indíxenas”, incidiu, para engadir que foi a afouteza a que fixo que nunca baixase os brazos, “nin sequera nos momentos máis difíciles”.
Ante este feito, o presidente da Xunta referiuse ao misioneiro como un exemplo máis desa enerxía que demostramos tantas veces os galegos para mudar as circunstancias e non resignarnos. Para Feijóo, ese esforzo por transformar a pobreza en riqueza, por prosperar e conseguir o máximo benestar posible para todos os que o rodean é unha característica común a todos os galegos que tomaron o camiño da emigración.
Feijóo concluíu a súa intervención insistindo en que a edición galega das memorias de Frei Rosendo Salvado é unha oportunidade para redescubrir os valores que, ao longo dos séculos, os nosos concidadáns foron facendo universais.