Friday 22 de November de 2024

O concello de Riveira destina 30.000 euros a axudas de escolorización no curso 2019-2020


O Concello de Riveira aprobou esta semana en xunta de goberno local as bases reguladoras das axudas á escolarización para o curso académico 2019-2020: unha convocatoria que conta cunha partida económica de 30.000 euros e está dirixida á inclusión dos nenos e nenas censados no noso municipio susceptibles de atoparse en situacións de exclusión social ou con menos recursos económicos.

As achegas reguladas nestas bases teñen como finalidade o cofinanciamento das seguintes adquisicións e servizos:

• Para educación infantil: libros de texto, material escolar e material necesario para o desenvolvemento do curso académico (mandilón, chándal, material informático, etc.).
• Materiais didácticos para ciclos formativos e bacharelato.
• Asistencia a comedores escolares dende setembro de 2019 ata xuño de 2020 para o segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO.

Poden optar a estas subvencións as persoas cuxa renta per cápita (RPC) en cómputo anual non supere o importe do IPREM anual (6.454,08 euros) e cursen estudos en: Escola Infantil Municipal de riveira, EEI Capela de Carreira, EEI Deán Grande, CEIP O Grupo, CEIP Palmeira, CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, CEIP Plurilingüe de Frións, CEIP de Artes, CEIP de Olveira, CEIP Plurilingüe de Carreira, CPR Galaxia, Colexio Bayón, Colexio A Milagrosa de Oleiros, Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras, CIFP Coroso, IES Número 1, IES Leliadoura ou outros centros educativos de fóra do municipio que oferten estudos non existentes en centros do concello.

A convocatoria será anunciada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña así como no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial e na páxina web www.riveira.gal.