Turismo de Galicia realizou de maneira pioneira este ano un programa conxunto para a celebración desta festividade que posiciona a nosa comunidade á altura dos principais destinos do Nadal
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, inaugurou esta mañá o Mercado da Quintana, un dos principais atractivos das múltiples actividades que acolle Galicia neste Nadal.
Produtos, pezas e coleccións de decoración, así como produtos típicos de Nadal inundarán a Praza da Quintana dende hoxe ata o 5 de xaneiro. Ademais o Mercado da Quintana conta cun carrusel para o disfrute dos cativos e un escenario para as actuacións musicais dos venres, sábados e domingos, que fará as veces de photocall para os visitantes. O Mercado posúe tamén unha zona infantil para obradoiros onde se levará a cabo o servizo de gardería-ludoteca durante as fins de semana, e un acolledor espazo de restauración para a degustación de bebidas e comestibles típicos destas festas.
A escenografía que imita unha rúa comercial de estética afín á arquitectura tradicional galega axunta innovación co carácter propio da nosa terra convertendo a o dito mercado nun elemento de diferenciación relacionado co lecer, a cultura, a gastronomía e o comercio.
“Unha oportunidade única para que turistas e comerciantes se poñan en contacto e se revalorice deste modo a artesanía de Galicia como elemento tradicional e cultural e se outorgue un valor engadido á experiencia do viaxeiro”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Son moitas as cidades que cada ano ven aumentar o seu número de visitantes durante estas datas grazas aos mercados do Nadal que convértense nunha das motivacións principais a hora de escoller destino durante esta festividade. Neste senso, Nava Castro afirmou que o Mercado da Quintana supón un forte reclamo turístico e unha opción moi demandada por peregrinos e turistas.
“Galicia está de plena actualidade e é fascinante durante todo o ano pero iluminada coa maxia do Nadal aínda o é máis”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.
Galicia á altura dos principais destinos do Nadal
Na capital galega tamén se inaugurou nesta semana o Belén da Catedral de Santiago. Un belén tradicional de 55 metros cadrados e máis de 550 pezas decoradas, realizadas e talladas a man de forma artesanal. Xunto ás escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, o Belén mostra diversos acontecementos da vida cotiá e oficios.
A oferta belenística salpica toda a nosa comunidade e ademais do belén situado na Catedral de Santiago tamén podemos visitar, en Lugo, o Belén Electrónico de Begonte ou, en Pontevedra, o Belén Artesanal en Movemento de Valga, ambos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia. Xunto a eles, beléns históricos e beléns itinerantes repartidos por toda a comunidade completan a gran oferta belenística que atesoura Galicia.
Actividades de lecer, artesanía, xogos para nenos, certames de panxoliñas… son tamén exemplos das numerosas iniciativas que Galicia nos propón para estes días.
Con todas estas propostas, Turismo de Galicia realizou de maneira pioneira este ano un programa conxunto para a celebración desta festividade que posiciona a nosa comunidade á altura dos principais destinos do Nadal. O programa Nadal en Galicia é unha iniciativa que aumentará a estadía de turistas e visitantes, incrementará o seu gasto e incentivará a diminución da estacionalidade.
“Esta programación contribúe a vivir o Nadal intensamente e reforzar o atractivo da nosa comunidade”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.