O campo da festa de Galegos (Frades) acolle este domingo a II Foliada Airiños Galegos, na que participarán catro grupos folclóricos de Frades e de Ordes. Unha festa organizada pola asociación de mulleres rurais Airiños Galegos, en colaboración co Concello de Frades, a Rede Cultural da Deputación da Coruña e Gráficas Orzán.
A festa comezará ás 13:00 horas cunha sesión vermú amenizada por Show Musical Alba, que dará paso a unha churrascada no campo da festa na que se agarda a participación dunhas trescentas persoas. A partir das 16:00 horas terá lugar a foliada con dous grupos de Frades, Sarillo (Aiazo) e Pinga de Troula (Galegos), e dous de Ordes, asociación cultural de veciños de Leira e Os Viqueiras. Unhas actuacións que rematarán cunha foliada libre e aberta a calquera persoa que desexe tocar. Ademais, durante a foliada haberá obradoiros especiais para os nenos e nenas.