Unha das principais conclusións que se sacou da I Xornada sobre o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal organizada durante a fin de semana pasada foi a da necesidade de darlle o impulso definitivo e inmediato ao plan director e ás primeiras actuacións no territorio, que se han de levar a cabo antes incluso de presentarlle a candidatura ao Comité Nacional de Xeoparques, paso previo e obrigatorio para chegar sequera á avaliación da UNESCO. Representantes dos sete concellos implicados e da área de Turismo da Deputación da Coruña reuníronse esta mañá en Moeche para poñer en común o resultado das mesas de traballo que se celebraron na xornada e para decidiren como avanzar. Neste sentido, os municipios e o ente provincial acordaron acometer o antes posible a sinalización dos recursos xeolóxicos e preparar o plan que porá negro sobre branco as actuacións que se levarán a cabo ao longo dos próximos dous anos, prazo máximo que se marcou como horizonte para obter o distintivo. Tamén se abordou a busca dunha fórmula de cooperación que permita maior axilidade á hora de darlle forma e tramitar o conxunto proxecto, ademais de adoptar como prioridade a súa difusión entre as entidades do territorio de cara a lograr o máximo coñecemento e implantación social da iniciativa.
A posta en marcha do xeoparque está nun momento crucial para botar a andar. Hai recursos xeolóxicos de sobra e cun alto valor nos que sustentar o proxecto, a Deputación ten reservados para el 500.000 € e hai un compromiso firme dos sete municipios implicados de cara a preparar unha candidatura seria que teña todas as garantías de pasar con nota a esixente avaliación da UNESCO.
No encontro multisectorial mantido a pasada fin de semana, ao que asistiron representantes de tres xeoparques que xa están funcionando, aprendéronse unha chea de cousas importantes, sobre todo pasos que cómpre dar xa mesmo co obxectivo de telo todo planificado e orientado á sustentabilidade cando chegue a hora da verdade.
E é que as candidaturas a Xeoparque Global da UNESCO non poden ser un simple mamotreto, por gordo que sexa, onde se reflicta por escrito unha estratexia e unha serie de compromisos, senón que tamén hai que presentar accións concretas e tanxibles que xa se estean aplicando nesa liña, é dicir, no camiño de converter unha xeoloxía única e diferenzada no núcleo dun desenvolvemento sustentable relacionado co turismo, o patrimonio, a cultura e outros recursos de todo tipo que hai na comarca (produtos da terra, do mar, hostalaría, artesanía, etc.).
Así, na xuntanza desta mañá en Moeche municipios e Deputación avanzaron nas cuestións de detalle e organizativas. A primeira delas, buscar unha fórmula de colaboración máis inmediata e áxil á hora de actuar e, a segunda, redactar o cronograma e o plan de acción sobre o territorio, xuntando a parte de posta en valor do excepcional patrimonio xeolóxico coas liñas mestras que se seguirán para vinculalo co desenvolvemento socioeconómico.
E, en relación con todo o anterior, acometer labores concretos e urxentes derivados dese plan de acción, que non ten por que ser un documento moi extenso, pero si moi concreto e realista en canto ao que se pode e se ten que facer. Con carácter inmediato preténdese sinalizar de forma unitaria a colección de sitios destacados do ámbito do futuro xeoparque e, en paralelo, asentar a parte de implicación social e educativa do proxecto, dous dos aspectos que máis se teñen en conta as avaliacións da UNESCO.
Os concellos adquiriron o compromiso de utilizar na súa comunicación -papelaría, cartelaría, etc.- o logo co que xa conta o proxecto desde hai algúns meses. Tamén se acordou a preparación dunha unidade didáctica en colaboración cos centros de ensino de cara a fomentar o coñecemento entre os escolares da importancia xeolóxica do complexo do Cabo Ortegal, onde é posible observar a simple vista un capítulo fundamental da historia do planeta.
De feito, na nosa zona hai na superficie tipos de rocha que habitualmente se encontran a 70 quilómetros de profundidade, ademais de formacións e configuracións da paisaxe que nos falan dun pasado moi remoto, de centos e centos de miles de anos, pero que ten máis que ver co que somos hoxe do que nos puidera parecer. Porque, sobra dicilo, a flora, a fauna e o ser humano coa súa cultura son en boa medida resultado directo do que teñen debaixo dos pés.
E é que a Terra leva 4.600 millóns de anos cambiando lenta pero constantemente, movida por forzas inimaxinables que crearon aquí os cantís máis altos da Europa continental, acumulacións de toelo únicas, praias de area negra e montañas máis elevadas incluso que o Everest, das que hoxe só quedan sedimentos e un horizonte redondeado pola erosión. Contar esa historia con todos os seus protagonistas -os distintos exemplos visibles no territorio- e facelo cun discurso comprensible é un dos grandes retos do proxecto, que ha de cumprir as expectativas de públicos moi diversos, desde o que sabe “cero” de pedras ata quen ten cátedra en xeoloxía e quere seguir aumentando os seus coñecementos. Da xuntanza de hoxe mesmo saiu o lema “Unha viaxe ao centro da Terra” como posible fío argumental e idea forza que presida toda a estratexia.
En calquera caso, todo o que se faga a partir de agora debe contar co maior respaldo social posible. Niso será de moita axuda o traballo didáctico co colectivo escolar, pero tamén fará falla, e moita, a identificación co proxecto do tecido asociativo, produtivo e de servizos dos sete municipios participantes. Outro dos eixos de traballo inmediato vai nesa dirección, propoñéndolle á Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol -como xestora do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas-, que colabore no programa de dinamización dos distintos colectivos do territorio, orientándoo ao coñecemento sobre como funciona un Xeoparque Global da UNESCO e sobre cales son os beneficios que pode reportar a obtención deste distintivo internacional.