Friday 22 de November de 2024

Medio Rural ten aberto o prazo para solicitar as axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e desenvolvemento de pequeñas explotacións


Ovidio Rodeiro informou que esta orde está dotada con 42 M€ e poden solicitarse os apoios ata o 20 de xuño

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a instalación, Horta de Bértoa, unha das beneficiarias da orde de incorporación de mozos en 2012 e executou un plan de mellora no 2017, para informar que dende o pasado 21 de maio e ata el 20 de xuño, está aberta a convocatoria para solicitar as axudas de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014_2020.

Este ano o orzamento desta orde ascende a 42 millóns de euros: 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns de euros para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas (os chamados plans de mellora) e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

No que se refire ás achegas para a incorporación de persoas mozas, a subvención concederase pola execución dun plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución dun plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma. Os interesados nestas axudas teñen ata o 20 de xuño. No que respecta ás bases, mantéñense sen cambios respecto ao ano anterior.

Ovidio Rodeiro indicou que “con estas achegas actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

O representante do goberno autonómico fixo balance das axudas que tivo a comarca de Bergantiños-Costa da Morte a través da orden de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas, de creación de empresas para os agricultores mozos e de pequenas explotacións. En total, esta zona recibiu, o ano pasado, 1,8M€ da Consellería de Medio Rural e chegouse a 70 beneficiarios. A liña cunha maior contía foi a de plans de melloras que beneficiou a 23 gandeiros e agricultores e contou cunha achega de 963.000 euros. Na liña de incorporación de mozos na comarca chegou a 18 beneficiarios cunha axuda de 503.000.

A esta cifra, aclarou Ovidio Rodeiro, hai que engadir as 21 axudas a pequenas explotacións cunha achega de 315.000 euros e as 2 axudas para explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal con máis de 26.000 euros.

Rodeiro lembrou que está é unha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería de Medio Rural, xa que consegue mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade do rural galego. Ao mesmo tempo, coa liña mozos, búscase un rexuvenecemento da poboación activa rural e o fomento do emprego no agro, con especial consideración cara as mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Entre os gastos subvencionables por esta orde están as novas construcións ou reforma das existentes, a compra de nova maquinaria, gastos para a elaboración de proxectos técnicos de construción ou reforma das explotacións, permisos, licencias, plantación e mellora de cultivos de aptitude fructícula, compra de terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos. Ademais, nesta orde tamén se apoia economicamente a incorporación de mozos ás actividades agrarias e gandeiras, co fin de fomentar o relevo xeracional nas explotacións.

O delegado territorial tamén informou que ata o 13 de xuño está aberto o prazo para solicitar as axudas para a compra en común maquinaría agrícola en réxime asociativo que contan cun orzamento para toda Galicia de 2,8 M€. O ano pasado estas achegas deixaron na comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 61.000 euros nunha explotación en Baíñas.