O Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte organizan unha excursión aos Ancares e á festa “Arde Lucus”, que terá lugar o vindeiro domingo 16 de xuño. Unha viaxe dirixida especialmente a todas as persoas participantes nas actividades deportivas municipais do curso 2018/2019, que terán preferencia á hora de inscribirse e para as que o prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de xuño.
Do 11 ao 14 de xuño abrirase un segundo prazo de inscrición para aquelas persoas que non participaron nas actividades deportivas pero que desexan participar na iniciativa. En ambos casos, o prezo da excursión é de 15 euros e inclúe: viaxe e visitas á aldea de Piornedo de Ancares, á Palloza Museo Casa do Sesto e ao Castelo de Doiras. Pola tarde, a expedición asistirá ao “Arde Lucus”, festa de interese turístico na cidade de Lugo.
A saída está prevista ás 7:45 horas do domingo 16 de xuño da praza Teodomiro Hidalgo, para regresar ás 22:00 horas. Máis información e inscricións no Departamento de Deportes do Concello de Lousame (primeira planta da Casa da Cultura “Santeiros de Chave”) ou ben chamando ao teléfono 981 825 780.