Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño distribúe preto de 27.000 euros en axudas entre o tecido social e deportivo


A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe deulle o visto e prace aos informes técnicos coa proposta de distribución das convocatorias competitivas de Cultura e Deportes deste ano. De acordo coas puntuacións alcanzadas por cada solicitude, consonte as bases ratificadas no Consello de Participación Veciñal, outorgouse un montante total de 26.942,40 €. A esta contía hai que engadirlle os 3.000 € de reserva dedicados a comisións de festas, cun tope de 300 € de axuda que as agrupacións veciñais poden solicitar en calquera momento. A concesión de subvencións comunicaráselles nestes días ás entidades, que teñen até o día 30 de decembro para presentar as correspondentes xustificacións.

A convocatoria pequenas modificacións con respecto á convocatoria de 2018. As máis importantes son o aumento a 5.000 euros do tope máximo de subvención cultural, a introdución dunha especie de cláusula chan en ambas liñas que se debe cumprir para poder percibir a axuda e tamén a da ampliación do prazo para presentar a documentación xustificativa até o penúltimo día do ano, algo que antes só podían facer as entidades deportivas mentres que as culturais debían solicitalo previamente de forma argumentada.

Para actividades culturais das asociacións reserváronse un total de 24.000 euros, distribuídos á súa vez en tres capítulos: 19.000 euros para programación cultural propiamente dita co límite de 5.000 euros de axuda, 2.000 euros para colaborar co mantemento de infraestruturas das entidades que non dispoñen dun local municipal e 3.000 euros para repartir coas comisións de festas.

No relativo á xustificación, as bases consensuadas no seo do Consello de Participación veciñal -do que forman parte entidades e grupos políticos- neste 2019 introduciron unha importante novidade coa esixencia de que as entidades, tanto culturais como deportivas, deberán presentar gastos como mínimo do 50% do importe concedido.

Ata o momento se unha asociación non xustificaba gastos polo total asignado, o Concello minoráballe proporcionalmente a cantidade que finalmente percibía. Agora existe esa cláusula coa obriga de xustificar polo menos o 50% da cantidade concedida para poder recibir a axuda, que sufrirá de igual modo a correspondente redución se non se achegan suficientes gastos xustificativos. Desta maneira búscase que as entidades afinen máis as programacións, adaptándoas á súa capacidade organizativa e a previsións realistas, coa finalidade de propiciar un reparto dos fondos públicos máis equitativo e eficiente.

Para a asignación dos fondos, o técnico municipal de Cultura e Deportes seguiu 11 criterios de puntuación acumulativa reflectidos nas bases validadas polo consello veciñal: ata 2 puntos polo interese xeral da actividade e a súa repercusión social, 1 punto pola contribución á normalización do galego, 0,50 puntos polo fomento de valores como a solidariedade ou o respecto á natureza, ata 0,50 puntos polo grao de innovación das propostas, un máximo de 3 puntos dependendo do orzamento que se presente, ata 1,5 puntos por accións de recuperación do patrimonio material ou inmaterial, 0,50 puntos pola promoción da participación da mocidade, ata 1,5 puntos por desenvolver actividades que potencien a igualdade entre mulleres e homes, ata 1 punto pola estabilidade e solvencia organizativa demostrada pola entidade, outro punto como máximo pola busca de patrocinios públicos e privados cos que financiar as actividades e, por último, 3 puntos susceptibles de ser asignados en casos onde as actividades non se axusten aos anteriores criterios.

No caso das axudas a entidades deportivas o importe global reservado é de 6.000 euros, aínda que tamén cómpre ter en conta que as entidades con convenio nominativo como o Aldebarán ou o CF San Sadurniño non entran nesta liña. Subvenciónanse os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, compra de material, etc., agás a os gastos financeiros e os derivados da organización de xantares, eventos gastronómicos e similares.

Os criterios para a concesión das axudas valoraron o número de fichas -20% da puntuación total-, o número de categorías -20%-, a titulariedade de instalacións -30%- e o orzamento total da programación, que supuxo ata o 10% dos puntos. Tamén se avaliou tecnicamente a converxencia co Plan de Igualdade dándolle maior puntuación -un 10% do total- aos clubes que contribúan a rebaixar a fenda de xénero, xa sexa das mulleres con respecto dos homes ou dos homes con respecto das mulleres. O 10% restante da puntuación ata chegar ao cento por cento outorgarase por aquelas medidas centradas na promoción da lingua galega.

Igual que ocorre coa convocatoria de Cultura, os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida, o das axudas percibidas doutras entidades máis o 20% do orzamento admitido. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros no que todos os apartados se axustan ás bases como subvencionables e recibe unha subvención de 1.000 euros do Concello e de 500 da Deputación, terá que xustificar un total de 3.700 euros (os 1.000 do Concello, os 500 provinciais e 2.000 euros máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado. De novo volve ser obrigatorio efectuar a través do banco os pagamentos superiores a 100 euros.

O prazo para presentar a documentación xustificativa en Cultura e Deportes finaliza o 30 de decembro, a menos que se solicite -e se conceda- unha prórroga dun mes máis como máximo.