Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades e a ONG Mestura organizan dous cursos gratuítos para veciñas do municipio ao abeiro do Programa Neneiras


 

O Concello de Frades e a ONG Mestura colaborarán, por segundo ano consecutivo, na organización conxunta de dous cursos gratuítos ao abeiro do programa “Neneiras”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade para promover a igualdade e a integración social das mulleres do rural. Os dous cursos, de coidado do coidador e de manexo de móbiles, terán lugar no edificio multiúsos de Frades neste mes de xuño de 2019, nun horario aínda por confirmar. A asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Frades ou chamando ao teléfono 981 695 567.

O curso de coidado do coidador será impartido por profesionais en menciña, enfermería, psicoloxía e traballo social, que achegarán os seus distintos puntos de vista sobre os coidados básicos diarios a persoas dependentes ou con algún tipo de discapacidade e farán fincapé na necesidade de mellorar a comunicación coas persoas a coidar.

Pola súa banda, o curso de manexo de teléfonos móbiles ten como obxectivo que a persoa participante coñeza como utilizar un smartphone, así como o uso seguro de Internet na contorna familiar e a privacidade nas redes sociais.

Estes dous cursos son froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a ONG Mestura, que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.