O Concello de Noia trasladará ao sábado 8 de xuño o programa de actividades para conmemorar o Día do Medio Ambiente, que se celebra hoxe mércores 5 de xuño. Unha programación especial que inclúe cinco actividades a prol da reciclaxe e contra o consumo de tabaco, dirixidas especialmente a un público infantil e que terán lugar na alameda noiesa e na praia de Boa.
Así, de 11:00 a 14:00 horas, a alameda de Noia acollerá inchables de multiactividades deportivas, así como un circuíto de Educación Vial. “Un circuíto dirixido aos nenos e nenas, que deberán traer as súas bicicletas e aprenderán as normas de circulación, ao tempo que coñecen que utilizando este tipo de medios de transporte están colaborando a conservar o noso medio ambiente”, explica Ángela Neri, concelleira de Medio Ambiente en funcións de Noia.
Así mesmo, organizarase un obradoiro de reciclaxe para fomentar o consumo de materiais alternativos ao plástico e darlle tamén outros usos aos envases plásticos que temos nas casas. Finalmente, realizarase unha campaña de sensibilización cidadá para o uso dos colectores de recollida de aceite de cociña usado. Durante o ano 2018, a veciñanza de Noia reciclou un total de 7.017 litros de aceite usado, recollido a través dos 21 contedores dispostos no municipio. Unha práctica que evitou a contaminación de máis de 7,7 millóns de litros de auga e axudou a evitar o deterioro da rede municipal de sumidoiros.
Campaña antitabaco
Por outra banda, e dentro das actividades promocionais da iniciativa “Praias sen fume”, o Concello de Noia levará a cabo este sábado unha campaña contra o consumo de tabaco. Así, de 12:00 a 14:00 horas haberá unha mesa informativa na Alameda noiesa para concienciar á veciñanza dos prexuízos do consumo de tabaco e da importancia de non tirar as cabichas en calquera sitio, tanto por cuestións de hixiene urbana como por cuestións de prevención de lumes.
Unha campaña que tamén terá lugar nas praias de Boa Grande e Boa Pequena, areais que este ano se suman á Rede Galega de Praias sen Fume, iniciativa da Consellería de Sanidade nacida no 2016 e que está integrada por 79 areais de 45 municipios. A campaña en Boa desenvolverase en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.