Saturday 23 de November de 2024

O Concello de Boqueixón abre ata o 21 de xuño o prazo de solicitude de cacharelas de San Xoán


 

Os modelos de solicitude pódense descargar na web municipal e deberán entregarse no rexistro xeral

O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de solicitude para as cacharelas da noite de San Xoán. A entrega da documentación correspondente deberase realizar antes do 21 de xuño ás 13.00 horas no rexistro xeral boqueixanés. O modelo de solicitude pódese descargar na web www.boqueixon.com.

Dende o Concello concretan unha serie de normas de obrigatorio cumprimento na realización das cacharelas de San Xoán (que tamén se poden consultar no anexo ao documento de solicitude do permiso):

1. As persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude no rexistro do Concello, sinalando o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono das persoas responsables da organización ou comunidade, que deberán coidar os arredores.
2. O volume combustible da cacharela non sobrepasará os seis metros de perímetro nin os dous de altura.
3. A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo de 20 metros. Ademais, deberase poñer especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos e de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
4. Queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e, en xeral, calquera substancia que, ao arder, desprenda fume tóxico.
5. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean abertos.
6. Se a cacharela se realiza sobre terreos de uso público enlousado, as persoas organizadoras encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.
7. Ao rematar a cacharela, e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e de que a pavimentación se atope no mesmo estado en que estaba antes de iniciarse o lume.
8. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de remata a cacharela e/ou sardiñada.