Entre 2017 e 2018, a Secretaría Xeral para o Deporte investiu máis de 104.000 euros no complexo deportivo de Acea da Ama, “un esforzo orzamentario destinado en gran medida ao rugby e ao béisbol e que obtivo un gran rendemento para o deporte galego”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, respondeu hoxe no Parlamento de Galicia á pregunta sobre o estado de conservación no que se atopan as instalacións do complexo deportivo de Acea de Ama, no Concello de Culleredo, as obrigas da empresa concesionaria ao respecto, así como as actuacións e os investimentos previstos no ano 2019. Na súa intervención, o secretario xeral reivindicou Acea da Ama como “un complexo de 22.000 metros cadrados nos que se dispoñen numerosas instalacións deportivas que utilizan habitualmente ata un total de 11.000 usuarios -unha cifra que vai en aumento nos últimos anos- e unha vintena de clubs e entidades da zona entre os que destacan os mellores equipos de España de rugby, béisbol e sófbol”. Así salientou que en Acea da Ama xoga “o mellor equipo de rugby feminino de toda España”, o Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT).
Ao fío desta idea lembrou que entre 2017 e 2018, a Secretaría Xeral para o Deporte investiu máis de 104.000 euros no complexo deportivo de Acea da Ama, “un esforzo orzamentario destinado en gran medida ao rugby e ao béisbol e que obtivo un gran rendemento para o deporte galego”. O CRAT volveuse proclamar campión da Liga Iberdrola de Rugby hai apenas dous meses e grazas ás reformas levadas a cabo para acadar a homologación como campo de sófbol para a competición en división de honor, o Club Cambre pode disputar os seus partidos no campo de Acea da Ama evitando desprazamentos. Neste sentido anunciou tamén novos investimentos para continuar nesta liña de mellora e optimización do complexo deportivo.
As entidades e clubs que destacan como usuarios habituais das instalacións de Acea da Ama son a Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello de Culleredo, o Club Natación Sincronizada Aguamarina, o Club ciclista Cambre, a Federación Galega de Rugby, o Club de Rugby Arquitectura Técnica, o Club deportivo Rugby Zalaeta, a Federación Galega de Beisbol, o IEB La Esperanza de béisbol, o Druídas Béisbol Club, o Club béisbol e sófbol Cambre, a Liga UPOFU de Peñas de futbol, a Asociación cultural Liga de Peñas, a Liga de veteranos de fútbol de 2ª, a Unión Deportiva 2008 fútbol, a Agrupación deportiva Peñaredonda, o Club Torre SD, a SD Portazgo de fútbol, a Liga Hospitales CHUAC, o Atlético Coruña – Montañeros Club de fútbol e o Atlético Los Castros de fútbol.
Plan de investimento de 900.000 euros
Neste sentido valorou o traballo da Fundación Deporte Galego como “o mellor socio na consecución dunha Galicia máis activa e saudable”, unha entidade que colabora con administracións e empresas públicas e privadas e con federacións deportivas, constrúe e xestiona directa ou indirectamente instalacións deportivas propias e alleas, e leva a cabo calquera outra actuación que dun xeito directo ou indirecto contribúa á mellora do deporte e a práctica deportiva na comunidade autónoma de Galicia. No que atinxe á xestión directa ou indirecta das instalacións deportivas propias e alleas , resaltou a administración do complexo deportivo de Culleredo Acea da Ama, xestionado indirectamente a través da empresa concesionaria.
Lete Lasa fixo un percorrido pola historia do complexo e lembrou que no ano 2004 foi el quen asinou un convenio polo que a Fundación Deporte Galego asumía “a xestión das instalacións deportivas de titularidade autonómica conformadas polo parque acuático de Acea da Ama” e aprobábase a contratación do servizo de xestión integral por parte da concesionaria. En 2006, xa con outro titular á fronte do Deporte galego, ampliouse a xestión que fai a concesionaria do complexo de Acea da Ama tamén ao parque deportivo natural. Por último, en 2013 e de novo sendo Lete Lasa secretario xeral para o Deporte, ampliouse a duración do contrato de xestión por cinco anos máis, rematando este servizo en 2024. No marco deste convenio, a concesionaria presentou un plan de investimento por valor de 900.000 euros, practicamente realizado na súa totalidade a día de hoxe.
Instalación respectuosa co medio ambiente
Tocante ao mantemento do parque deportivo natural, en agosto de 2017 a empresa concesionaria contratou a realización dun informe a unha empresa especializada co obxectivo de avaliar o estado do arboredo presente no parque deportivo Acea da Ama, provocado pola aparición de fenómenos meteorolóxicos naqueles meses que xerou a caída, talla ou poda de varias árbores sas. En abril de 2018 a mesma empresa desenvolveu un plan de restauración ambiental da área verde do complexo deportivo porque, como dixo o secretario xeral, “ademais de ser un centro importante para o deporte galego, Acea da Ama é un centro respectuoso co medio ambiente e un pulmón natural para toda Galicia”.