Saturday 23 de November de 2024

O investimento previsto para a ampliación e mellora da estrada DP.5404 é de máis de 1,2 millóns de euros


A Deputación dá o último paso para o arranxo da estrada de xuvia á frouxeira coa firma do convenio para a licitación das obras

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, reuniuse co alcalde de Narón, José Manuel Blanco, para firmar o convenio de colaboración co que financiar as obras de mellora e ampliación da estrada DP.5404 entre Xuvia e A Frouxeira. Ao acto da firma asistiu tamén o deputado Miguel de Santiago, tamén concelleiro en Narón.

Así, e segundo o texto rubricado, a actuación prevista pasa pola ampliación do trazado da DP.5404 entre o quilómetro 3,500 e o 6,500 ata contar con dous carrís de 3,50 metros de ancho e dous beiravías de dous metros de ancho. Deste xeito, tal e como reflicte o acordo, “a estrada provincial será máis segura, cunha circulación fluída e confortable para os usuarios”.

O proxecto que define as obras a realizar foi aprobado polo pleno o pasado 30 de xullo e publicado no BOP o día 17 de setembro, sen que houbera alegacións contra o acordo durante o período de exposición pública.

A novidade desta actuación, segundo explicou o presidente provincial, Diego Calvo, é que “asinamos dous convenios en un”, xa que será tamén a Deputación da Coruña quen asuma a instalación da rede de saneamento en todo o tramo desde Xuvia á Frouxeira, obra da que se poderán beneficiar posteriormente un total de 80 vivendas que agora carecen desa posibilidade.

A intención da institución provincial é que ambas actuacións se realicen de xeito conxunto, co obxectivo de minimizar custos, e de poder licitar o proxecto antes de fin de ano, unha vez conclúa todo o proceso de expropiacións necesario para o inicio das obras. Neste caso, ao igual que sucede coa rede de saneamento, o expediente de expropiacións será tamén tramitado e abonado posteriormente desde a Deputación.

O importe total de ambas actuacións suma 1.249.968,01 euros, que é o resultado da suma dos 680.971,97 euros do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada, máis os 568.996,04 que custará a adaptación do proxecto para a inclusión da rede de saneamento na mesma obra.