A Consellería de Infraestruturas consignou recentemente unha axuda de 33.879 € para a execución deste proxecto, que está orzamentado en 48.400 €
Esta mañá José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, alcalde e concelleira de Deportes en funcións de Ordes, recibiron a Alfonso Rueda e Ovidio Rodeiro, vicepresidente e delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña respectivamente. Un encontro ao que tamén se sumou Marta Fernández-Tapias Núñez, directora xeral de Administración Pública. O tema central foi para abordar a reforma dos vestiarios interiores do pavillón Castelao I. Unha obra para a que a Consellería de Infraestruturas consignou recentemente unha axuda de 33.879 euros.
Martínez Sanjurjo tivo ocasión de explicar pormenorizadamente os detalles desta obra orzamentada en 48.400 euros, “tan necesaria dado o elevado uso que se rexistra nesta instalación, cuxos vestiarios presentan acabados e carpinterías en mal estado”. Unha explicación que se puido levar a cabo no mesmo pavillón, ata onde se desprazaron tras un primeiro encontro na sala de xuntas municipal da casa consistorial. Tras a demolición de tabiques, pavimentos e do levantamento de sanitarios, portas, azulexados etc o proxecto contempla a instalación dos novos sistemas de abastecemento e saneamento e a colocación de azulexados de porcelana, portas de aceiro e fiestras de ventilación de dobre folla. Tamén se impermeabilizarán os parámetros verticais e pavimentos nas zonas de ducha e colocaranse sumidoiros para a recollida de auga.
Novo marcador
No que se refire ao equipamento instalarase un novo marcador electrónico, substituíndose o actual e ampliándose a protección de enreixado metálico existente. O vestiario de árbitros dotarase dunha cabina de ducha, ademais de rótulos indicativos nas distintas estancias e bancos con zapatilleiro e alzadeira. A idea é que esta intervención estea finalizada a mediados do vindeiro mes de agosto.
Tanto Alfonso Rueda como Ovidio Rodeiro aproveitaron a ocasión para felicitar a Martínez Sanjurjo polos resultados electorais obtidos o pasado 26 de maio, no que a súa candidatura obtivo a maioría absoluta con nove concelleiros grazas aos 3.917 votos ao seu favor. Rueda tamén destacou “que grazas ás axudas da Vicepresidencia os concellos galegos recibirán este ano en torno a 3 millóns de euros ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público”.