Xusto un ano despois do pasamento do político, profesor e escritor Plácido Betanzos, xa leva o seu nome o paseo marítimo da localidade que o veu nacer. Centos de persoas déronse cita hoxe en Palmeira para presenciar o acto institucional de nomeamento, celebrado á altura do parque infantil.
O evento comezou coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia por parte do grupo de música tradicional Andavía para dar paso a continuación á lectura dalgúns parágrafos dos tres libros publicados por Plácido: así, a alumna Ana Alvite leu unhas liñas da súa última novela, “Bágoas na chuvia”; Xesús Laíño fíxoo de “Paravea no inferno”, mentres que Antonio Piñeiro pronunciou unhas verbas procedentes do seu relato “Coiteladas na alma”.
Acto seguido, sucedéronse as intervencións de Carmen García, voceira da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos que agradeceu á Corporación o voto favorable no pleno de febreiro de 2019 para que esta homenaxe puidese ter lugar; da súa emocionada filla, Sofía Betanzos; para concluír coa intervención do alcalde en funcións, Manuel Ruiz, quen enfatizou durante o seu discurso como Plácido Betanzos foi capaz de espertar a admiración e o afecto de multitude de persoas por enriba das crenzas e ideoloxías e apelou aos presentes a seguir o seu exemplo.
Para finalizar, destapouse o panel que lembrará a traxectoria de Plácido Betanzos García, pechando este tributo cos acordes do himno galego e os aplausos do público.
Por outra parte, durante o acto estivo presente unha recreación da escultura que está a realizar Soledad Peralta para erixir no paseo, recreación que a partir de mañá será exhibida na Casa Consistorial ao longo do presente mes.
Traxectoria
Plácido Betanzos García nace en Palmeira o 20 de agosto de 1952. Foi un profesor que impartiu clases no Instituto Social da Marina, no Instituto da Sangriña da Guarda, no CIFP Coroso e no IES Leliadoura de Ribeira.
Como escritor gañou o primeiro premio do certame Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal co relato “Santiago García, o Laverco” e o primeiro premio de relatos na emigración coa obra “Fendas”. Colaborador habitual de “La Voz de Galicia”, “Sermos Galiza” e da revista “Terro e Tempo” ademais de socio de Barbantia colaborando en varias publicacións colectivas editadas por esta entidade.
Publicou “Couteladas na alma” en 2009 (ed. EraDixital), baseada na emigración da Barbanza nos primeiros anos do século XX en Nova York. “Paravea no inferno” en 2011 (ed. Fervenza), novela curta que fala de personaxes e espazos galegos identificados co mundo do mar e a ría de Arousa e a dureza das condicións de vida dos mariñeiros e as súas familias nun tempo indefinido que é pasado pero tamén presente ao falar de miseria e loita. A súa última publicación foi “Bágoas na chuvia” en 2016 (ed. Fervenza), onde fala da violencia machista e o sufrimento das mulleres que padecen esta lacra que compre erradicar o antes posible da nosa sociedade, unha novela dura, triste, realista e esperanzadora onde Plácido foi un canto pola denuncia contra o maltrato, a liberdade e a igualdade das mulleres.
Desenvolveu unha gran militancia política no Bloque Nacionalista Galego, voceiro deste grupo municipal no Concello de Riveira entre os anos 1992 e 2002 e candidato á alcaldía nos anos 1995 e 1999. De firmes principios nacionalistas, defensor da cultura, a historia, o idioma do País destacou por un práctico e respectuoso xeito de facer política, combativo nos plenos e cordial fóra deles gañándose o cariño e admiración das compañeiras e compañeiros de diversas ideoloxías.