Friday 22 de November de 2024

Xerardo Crusat exhibe 125 obras na Galería O Faiado no Xuño da Cultura e as Artes


Unha exposición formada por 125 obras do artista riveirense Xerardo Crusat foi inaugurada este mediodía na Galería O Faiado como unha das primeiras propostas do Xuño do Cultura e as Artes. A proposta chámase “O Segredo do navegante e outras bágoas”.

A apertura da mostra convocou a multitude de persoas, entre as que figuraban moitos colegas como Xoán Fernández, Paco Casal, Santorelli, Jontxu Argibay, Antonio Pérez, Maralla ou Manuel Ayaso, en tanto que representando ao Concello acudiu o concelleiro Víctor Lampón e máis estivo tamén Xosé Antonio Vázquez Cobas.

Xoán Fernández fixo os honores de introducir a inauguración recordando como coñeceu a Xerardo Crusat (daquela traballaba de mariño mercante pero a súa vocación era ser artista) e máis destacou dous murais creados polo autor: un deles no edificio do UAD e o outro, que xa non existe, na rúa onde se atopaba a antiga panadería dos Llovo.

Pola súa parte, Xerardo Crusat agradeceu a presenza de tantos amigos e foi comentando as temáticas que compoñen a mostra, entre as que se atopan a xente de África que coñeceu (a súa profesión de navegante levouno durante sete anos á Costa de Marfil) ou a muller.

Estará aberta ata o 24 de xullo.