Como é tradicional o Belén conta cunha nova figura: nesta ocasión, a do doutor José Fernández Pernas, responsable de Renacer, entidade recoñecida co premio estatal do Voluntariado Social.
O rexedor destacou o altruísmo, xenerosidade e solidariedade de Pernas, “tres valores característicos destas festas do Nadal e que os últimos elixidos para sumarse ao Belén cultivan ou cultivaron, como é o caso do propio Pernas, Padre Rubinos, as tres estrelas que representan aos tres heroes do Orzán (Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor) e Alberto Martí, presidente da Cociña Económica,”.
Con estas novas incorporacións, o Belén Municipal conta xa con máis de 250 figuras entre coruñeses solidarios, personaxes históricos e lendarios como Sir John Moore; protagonistas da historia recente da cidade; ou intelectuais e artistas como Emilia Pardo Bazán, Eduardo Pondal, Pablo Picasso ou Luis Seoane.
O Belén poderá visitarse ata o próximo 4 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas; agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, que permanecerá pechado. O 5 de xaneiro abrirá en horario de 12.00 a 14.00 horas e o día 6, de 19.00 a 21.00 horas.