Friday 22 de November de 2024

O Monbús Obradoiro-Fundación Heracles ofrecerá charlas nos colexios de Ordes para fomentar a práctica do baloncesto


 

Están especialmente dirixidas á rapazada de 6 a 12 anos e terán lugar a vindeira semana en horario escolar. A iniciativa conta co apoio do Concello

Ao longo da vindeira semana o Monbús Obradoiro-Fundación Heracles levará a cabo unha serie de charlas nos colexios de Ordes (Castelao, Campomaior e O Mesón do Vento). Este foi o tema central da xuntanza que mantiveron esta mesma mañá o alcalde e a concelleira de Deportes de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, co director da citada fundación, Pepe Casal.

A iniciativa está especialmente dirixida aos nenos e nenas con idades entre 6 e 12 anos e desenvolverase en horario escolar. Nestes encontros co alumnado, nos cales participarán tanto membros da fundación como xogadores dos equipos base do Monbús Obradoiro, abordaranse todo tipo de cuestións relacionadas coa práctica do baloncesto.

O principal obxectivo é o fomento desta modalidade deportiva no ámbito da poboación estudantil ordense. Unha medida que, tanto por parte do Concello de Ordes como pola do Monbús Obradoiro-Fundación Heracles, se espera que derive na posta en marcha da actividade de baloncesto ao nivel de categorías base.