Saturday 16 de November de 2024

Biela e Chaveta busca darlle novo impulso ao ciclismo en San Sadurniño


A entidade promove quedadas de iniciación dirixidas a novas persoas socias

 

O club Ciclista Biela e Chaveta ten como o seu principal obxectivo promover este deporte en todas as súas modalidades dentro do noso concello. Ese é o motivo de que nos últimos anos colaborase coa administración local na organización de rutas como a do Xuño Deportivo e outros eventos municipais, como as propostas de conciliación do Nadal ou os Venres en Sansa. Agora o club quere dar un novo paso como entidade ampliando a súa base e o número de practicantes, e faino por medio dunha campaña en redes sociais para captar socios e socias e iniciando un calendario de saídas que arranca o domingo 9 de xuño. Para máis información: 616 035 979 e 605 964 877.

Entrar formar parte do club é ben barato. A cota individual son 25€ anuais, mentres que a familiar -que sae máis a conta- ten un custe de 40€ ao ano. Un prezo case simbólico co que se pretenden manter os custes organizativos da entidade e das actividades e, en certa maneira, fidelizar a participación das persoas socias.

Ademais, o club quere aproveitar o verán para coller carreira co maior número posible de integrantes, a quen se lles ofrece o engado de saír en grupo todos os domingos a partir do 9 de xuño. Trátase dunha proposta pensada para iniciarse no mundo da bici en familia, como unha toma de contacto co deporte que permita logo ir mellorando e avanzando na medida dos obxectivos que cadaquén marque para si. Tal e como explica Nely Barcia, membro de Biela e Chaveta, búscase “mover a xente, sobre todo as nenas e nenos, pero tamén persoas de todas as idades que non fan ningún tipo de exercicio. Queremos ensinarlles a utilizar a bici, como usar os cambios, etc., e ir empezando a facer deporte en bicicleta e en grupo”.

De feito, entre os beneficios que trae aparellado andar en bicicleta, o club destaca os relacionados coa saúde física -aumento da resistencia, tonificación muscular e fortalecemento das xogas…-, co noso estado de ánimo -reduce o estrés e a ansiedade- e, sobre todo, con todo aquilo que se refire ao fomento dos vínculos sociais e familiares e de valores como o compañeirismo.

A primeira cita será o domingo 9 de xuño ás 10.00h. e o punto de encontro é o Pinocho de madeira que hai no arboreto da Cortiña. “Só fai falla saber andar en bicicleta e traela, aínda que estea enferruxada”, comenta Barcia. “Antes de nada veremos o nivel da xente e por iso ao mellor só dámos unha volta polo paseo fluvial. Se se animan e están máis ou menos ben de forma iremos dar unha volta ata Pedroso, que é unha ruta doada por non ter moito desnivel”. O único requisito -ademais de traer a bici e casco- é ser socio ou socia do club Biela e Chaveta que, como dicimos, custa 25€ ao ano no caso dun carné individual e 40€ se se inscribe toda a familia, público obxectivo destes encontros “para pasear, non para andar ás carreiras” que o club pretende levar a cabo “todos os domingos, aínda que chova”, asegura Nely Barcia.

As seguintes quedadas serían os domingos 16 e 23 de xuño, mentres que a do día 30 do mes que entra se fará coincidir coa ruta cicloturista do programa municipal Xuño Deportivo, con saída a media mañá desde o patio dianteiro do CPI.

A finalidade deste programa impulsado por Biela e Chaveta non é outra que darlle un novo pulo á bicicleta en San Sadurniño, tanto á de estrada como á de montaña, creando para iso un grupo estable de persoas afeccionadas que se vaia ampliando pouco a pouco e procurando que ese crecemento se dea gracias á rapazada.