Friday 22 de November de 2024

O escritor local Antonio Piñeiro, gañador do sétimo Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira


Recibiu os 3.000 € do premio e “Celada” será publicada por Xerais

O escritor Antonio Piñeiro con “Celada” resultou o gañador do VII Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira, segundo se dou a coñecer hoxe no salón de plenos do consistorio nun acto no que o autor recibiu o cheque de 3.000 euros de que consta o premio, ademais da súa publicación no 2020 na editorial Xerais e un diploma acreditativo.

Xunto a Antonio Piñeiro, estiveron no acto o alcalde Manuel Ruiz; o editor de Xerais, Fran Alonso; e o autor da novela galardoada na sexta edición, Antonio Tizón, que tamén se erixiu en voceiro do xurado e explicou como tal os criterios polos que se seleccionou “Celada” entras once obras presentadas:

“A obra gañadora contribúe á recuperación da nosa memoria histórica máis recente; en concreto, a dos últimos anos do franquismo, os inicios dos setenta, e faino dende a perspectiva das revoltas estudantís que se produciron nunha época en Santiago de Compostela. Estamos ante unha moi valiosa contribución literaria, porque esa recuperación –aínda hoxe, sobre todo, hoxe- continúa sendo un labor necesario, indispensábel e non a a partir da historia, da memoria, da lei, do dereito e da política, senón tamén a partir da arte e da literatura, unhas formas de expresión que, ás veces, resultan as máis eficaces nese e noutros cometidos. Celada é unha novela política e poética, unha novela narrada por un personaxe colectivo, unha voz anónima que fala no nome de tantos homes e mulleres do seu tempo e do seu espazo, que fala coa mesma naturalidade da vida cotiá do franquismo agonizante que de fitos históricos tráxicos; unha voz anónima que describe con igual concisión as rúas e as prazas de Compostela que todo tipo de persoas e personaxes. Celada é, en definitiva, toda unha colección de batallas que, dada a súa transcendencia, deben quedar para a historia, unha obra literaria que convén ler e reler, porque a súa lectura contribúe á proxección dun presente e dun futuro que nunca se poderán construír con dignidade a partir do esquecemento e a terxiversación do pasado senón a partir da súa asimilación e do seu coñecemento rigoroso”

Ademais de Antonio Tizón integraron o xurado Xoan Xosé Fernández Callón, Alicia Padín Otero e Manuel Bragado Rodríguez, figurando como secretario Unai González Suárez.