O Consello Territorial da provincia tamén informou favorablemente ao proxecto de iluminación en Santiaguiño do Monte e á pavimentación das rúas no Lugar de Pedreira en Padrón e deu o visto bo á ampliación das pasarelas peonís na pote da estrada AC-552 sobre o Río Grande en Zas
O Consello Territorial de Patrimonio de Galicia deu o visto bo a varios proxectos e actuacións na provincia nos concellos de A Coruña, Ferrol, Betanzos, Padrón, As Pontes de García Rodríguez, Santiago de Compostela e Zas.
Na comarca da Coruña, e máis concretamente na cidade da Coruña, o Consello valorou positivamente o cambio de céspede do campo de fútbol da Cidade Deportiva da Torre de Hércules con control arqueolóxico e aprobou a limpeza de manchas producidas por unha luminaria na Torre de Hércules. En Betanzos informouse favorablemente á restauración dos escudos da fachada principal da Casa Consistorial con condicionantes técnicos na execución.
Na comarca de Santiago de Compostela deuse o visto bo en Padrón ao proxecto de iluminación en Santiaguiño do Monte e á pavimentación das rúas no Lugar de Pedreira, con control arqueolóxico. Na cidade de Santiago aprobouse o proxecto de restauración do cruceiro de Aradas en “A Peregrina”
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte valorouse positivamente en Zas a proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para levar a cabo a ampliación das pasarelas peonís na ponte da estrada Ac-552 sobre o Río Grande.
Na comarca de Ferrol deuse o visto bo na cidade á incoación de ruína técnica dun edificio na Rúa Mercé, 18 no Barrio de Ferrol Vello, co requisito de rehabilitar o inmoble e aprobouse a renovación da carpintería exterior dos edificios no barrio de Recimil cunha serie de condicionantes técnicos.