Friday 22 de November de 2024

E o domingo, as carrilleiras de Lamas


A parroquia de San Sadurniño acolle a 13ª edición da súa feira gastronómica cun programa que tamén inclúe música, artesanía e exposición de clásicos

 

Falabamos onte da presentación do Festival do Río Castro en Naraío prevista para a tarde do sábado, pero nesta fin de semana temos outro grande evento que ninguén debe perder: a XIII Feira de Artesanía e de degustación de Carrilleiras organizada pola asociación veciñal Xuntanza de Lamas. Será o domingo desde as 11.00h., e ademais de poder probar este prato para o que alí teñen tanta man, tamén teremos produto da terra, artigos manufacturados, música e unha concentración de clásicos en colaboración con Autoclásicos Narón. Ah, moi importante, para xantar hai que reservar o antes posible chamando aos teléfonos 664 203 738 ou 618 838 760.

O menú da feira estará composto polas saborosas carrilleiras de tenreira servidas nunha pequena tarteira, e acompañadas dun bo bocado de empanada, sobremesa, bebida e café. O prezo xeral do xantar son 18€ para persoas adultas, mentres que para a rapazada de entre 6 e 12 anos custará 15€ e para as nenas e nenas ata 6 anos será gratuíto.

A comida está posta para as 14.30h., pero antes e despois desa hora haberá máis actividade. Desde media mañá estarán abertos os postos de venda de artesanía e produtos da terra nun pequeno mercadiño que asentará maiormente debaixo da carpa montada fronte ao local social do Chao de Lamas.

O momento oficial da apertura da feira marcarao o tradicional pregón, ao que asiste como convidado o escritor e xornalista pontevedrés Pedro Rielo. Coñecido por ser unha das caras dos directos da Televisión de Galicia, Rielo tamén é poeta, ensaísta e novelista. O ano pasado ganou o III Premio Xosé Neira Vilas de novela curta con Detrás dos perdidos, aínda que tamén ten publicado os poemarios Illado na incerteza, As palabras furtivas e o monográfico Ovidio Murguía, o pintor da “Xeración Doente” fillo de Rosalía.

Inmediatamente despois do pregón haberá un primeiro pase do dúo musical JM & Ena, esta última tamén unha cara coñecida por ser unha das concursantes do espazo Recanteiras do programa Luar 2018-19. Actuarán ata a hora do xantar e aínda volverán facelo despois, á tardiña, ao remate do outro referente musical do día: a rondalla Trasnochadores del Eume, que repasará parte do seu repertorio a partir das 17.30h.

A última proposta desta XIII Feira de Artesanía e de degustación de carrilleiras en Lamas é a exposición de coches e motos antigas traídas polos socios e socias do Autoclub Clásicos Narón, quen colabora co evento ao igual que o Concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña.