Friday 22 de November de 2024

Naraío empeza a descontar días para o XXVI Festival do Río Castro


 

Anotade na vosa axenda: sábado 6 de xullo, Festival do Río Castro en Naraío. Unha data que máis ou menos xa era sabida, dado que a entidade organizadora, a AVV O Castelo, ten fixado o festival sempre no primeiro sábado do mes de xullo. E tamén sempre celebra un mes antes unha xornada de presentación do programa e do deseño do cartel, obra do seu deseñador de cabeceira Juanlu Fernández. Tanto unha cousa como a outra coñecerémola este sábado a partir das 18.00h. no local social da Veiga nun pequeno evento aberto ao público que ofrecerá xogos e experiencias relacionadas coa sustentabilidade da man d’Os Picos do Sol, música de taberna co grupo Silbarda (A Capela) e a degustación gratuíta de saborosas labras de xamón escaldado antes do arranque da foliada nocturna.

Do deseño do cartel non trascendeu absolutamente nada. Só a directiva da entidade puido ver a súa aparencia, que o autor, Juanlu Fernández, define como “un deseño á altura do mellor festival do mundo mundial”. Fernández leva varios anos encargándose de toda a liña gráfica do Río Castro que se traslada a programas e camisetas e que, polo tanto, está impregnada da identidade creativa do deseñador caranceiro. Debuxos de liñas enguedelladas sen principio nin fin que Fernández viste de cores vivas e sempre con motivos abraiantes, ata o punto de converter carteis e camisetas en auténticos obxectos de colección que case non chegan ao día do festival.

Porén, ademais do aspecto comunicativo, o sábado tamén se dará conta dos grupos que acudirán á cita musical do 6 de xullo. Aí tamén hai hermetismo total e a presidenta da entidade, Almudena Vega, só adianta que “será un programa que nós consideramos de moi boa calidade mantendo a estrutura do ano pasado, cando introducimos unha pequena sesión vermú. Pola tarde teremos xogos e unha actuación para público infantil e familiar, o campionato de deportes rurais e, á noite, os concertos, onde tamén imos meter algunha novidade como peche. Pero todo iso contarémolo o sábado á tardiña”.

Haberá que agardar entón ao día da presentación oficial do festival, que comezará ás 18.00h. deste sábado 1 de xuño no local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol. O Castelo convidou á asociación Os Picos do Sol para que fagan actividades ao redor da sustentabilidade ambiental, centradas principalmente na concienciación sobre o uso de enerxías alternativas como a solar ou a eólica. Será unha proposta para toda a familia, na que a xente grande poderá facer consultas ao respecto das posibilidades e a viabilidade destes aproveitamentos, mentres que a xente miúda poderá brincar e aprender con divertidos experimentos. Por outra banda, Os Picos do Sol tamén falará sobre as orixes do propio Festival do Río Castro, xurdido como unha reivindicación ambiental.

Logo dos obradoiros farase unha paréntese para presentar o programa do evento e, chegando a noitiña, degustaranse de balde -bebida a parte- uns petiscos de xamón escaldado que dean forza para a última parte da velada: os cantos de taberna do grupo Silbarda, proveniente da Capela. Elas e eles encadearán a súa actuación cunha foliada libre que promete estirar a festa ata ben entrada a madrugada.

O Castelo de Narahío conta nesta edición do seu festival -a número 26- cun orzamento próximo aos 16.000 euros, cofinanciado pola asociación, polo Concello de San Sadurniño a través das liñas de axuda anuais para entidades, pola Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios SCG e por medio da convocatoria para festivais musicais da Deputación da Coruña.