Friday 22 de November de 2024

As “Setas con gulas e gambas con brocheta de champiñón, raxo e bacon” da Raxería Al Alba, gañadoras do I concurso “De tapas por Frades”


Durante os tres días do concurso degustáronse máis de 1.500 tapas e 181 persoas participaron no sorteo dos premios do concurso

Raxería Al Alba e as súas “Setas con gulas e gambas con brocheta de champiñón, raxo e bacon” alzáronse co primeiro premio da primeira edición do concurso “De tapas por Frades”, organizado polo Concello de Frades. Unha iniciativa que resultou ser todo un éxito, xa que se desgustaron máis dun milleiro de tapas en tan só 3 días nos seis locais participantes.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosouse moi satisfeito co desenvolvemento desta primeira iniciativa xa que “durante os tres días houbo unha gran afluencia de xente nos bares participantes, que nos comentaron que chegaron a regalar máis de 1.500 tapas”. Incluso sinala que “a afluencia foi tal que incluso desbordou as nosas previsións iniciais, polo que tivemos que imprimir e repartir novos boletos para votar ás tapas preferidas”. Así mesmo, destacou a gran traballo levado a cabo polos seis establecementos participantes: café-bar “O noso mesón”, hostal-restaurante “O Cadaval”, raxería “Al Alba”, café-bar “O Taxista”, adega “A Coviña” e café-bar “Vilariño”.

Premios

A tapa de Raxería Al Alba foi a indiscutible gañadora, pois concentrou case que o 50% dos 181 votos emitidos, o que indica que cando menos se consumiron un mínimo 724 tapas neses tres días (xa que para que o voto fose válido se tiñan que ter probado cando menos 4 tapas diferentes). O segundo posto foi para o “Guiso de polbo” do Bar Vilariño.

O alcalde de Frades entregará os premios durante a próxima semana aos locais premiados: 300 euros e placa conmemorativa para Raxería Al Alba e 150 euros para Bar Vilariño.Así mesmo, o Concello de Frades realizou o sorteo dos premios para os 181 clientes que tomaron parte no concurso “De tapas por Frades”. Un sorteo no que resultaron premiadas dúas veciñas do municipio: Lucía Mosquera Sánchez, que gañou unha cea para dúas persoas na Raxería Al Alba; e Rocío San Miguel Vázquez, que gañou un circuíto termal para dúas persoas. Ambas veciñas poderán recoller os seus premios na Casa do Concello de Frades.