Saturday 23 de November de 2024

O Club Lousame Deporte organiza o primeiro Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos” na noite do vindeiro 29 de xuño


 

Constará de 14 quilómetros, o prezo é de 12 euros e a inscrición está aberta ata o 26 de xuño en www.emesports.es

O Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame, organizan a primeira edición do Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos”, que terá lugar o sábado 29 de xuño. Unha proba, con saída e chegada na contorna do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, que “nace co propósito de dar a coñecer a historia, patrimonio e beleza da natureza do concello de Lousame a través do deporte, ao tempo que promovemos a actividade física entre a poboación”, explica Néstor Romero, presidente do Club Lousame Deporte.

As persoas interesadas en participar poderán anotarse na web www.emesports.es ata as 23:59 horas do mércores 26 de xuño ou ata completar o cupo de 250 prazas dispoñibles. O prezo da inscrición é de 12 euros e inclúe avituallamentos, seguros da proba e unha cea ao remate da carreira ofrecida pola empresa Kairos, xestora do albergue de Toxosoutos.

Características da proba

A proba, que sairá de San Xusto ás 22:30 horas, consta dun percorrido de 14 km de dificultade media por distintos tipos de terreo, con algunha zona técnica e zonas rápidas. Unha proba cun desnivel positivo de 562 metros e un desnivel negativo de 556 metros, o que supón un desnivel acumulado de 1.118 metros. Os percorridos estarán sinalizados con citas de baliza e sinais fluorescentes e estarán controlados por persoal de Protección Civil.

Para participar só é preciso ser maior de idade e posuír unha mínima condición física. Así mesmo, será obrigatorio levar unha luz frontal con batería suficiente para completar o percorrido, dispoñer dun calzado axeitado e levar teléfono móbil durante toda a carreira.

O I Trail Nocturno de Lousame “Fervenzas de Toxosoutos” está organizado polo Club Lousame Deporte e conta coa colaboración do Concello de Lousame, Rekord Sport material deportivo, Hoka One One, Kairos the experience company, Lurbel Precision Garment e Galicia es +, xestión de eventos con alma.