A Aldea de Verán é un recurso socioeducativo ofrecido polo Concello de San Sadurniño co que se pretende facilitarlles ás familias unha opción máis de conciliar a vida laboral coa atención dos nenos e nenas durante as vacacións estivais. Este servizo desenvolverase entre os meses de xullo e agosto, coa posibilidade de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8.30h. e outro desde as 10.00h., rematando en ambos casos ás 14.30h. O prazo de solicitude para a primeira quenda, a de xullo, estará aberto entre o 3 e o 14 de xuño. As familias empadroadas en San Sadurniño -que terán prioridade na asignación do servizo- tamén poderán solicitar praza para o mes de agosto nese mesmo período.
O programa do departamento de Igualdade busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións do verán, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa. Para a edición deste ano volven poñerse á súa disposición entre 40 e 45 prazas, que se irán cubrindo por orde de solicitude dándolle prioridade ás familias empadroadas no concello. Se hai vacantes cubriranse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño e, en último caso, con pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño ou rapazada matriculada na EIM A Rolada.
O horario global é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8.30 a 14.30h. e outra con entrada entre as 9.30 e as 10.00h. e remate ás 14.30 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe, moitas delas ao aire libre cando o tempo o permita.
Ofértanse entre 40 e 45 prazas -2 reservadas para casos derivados de Servizos Sociais-, aínda que hai que ter en conta que a súa adxudicación está condicionada pola demanda que exista e pola idade dos nenos e nenas participantes, xa que na faixa de entrada de 8.30 a 10 h. só hai dispoñibles 10 prazas.
As cotas mensuais mantéñense invariables con respecto a anos anteriores. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos serán os seguintes:
Horario de 8.30 a 14.30h Horario de 10.00 a 14.30h.
1º Membro da unidade familiar 90€ 60€
2º Membro da unidade familiar 60€ 40€
3º Membro da unidade familiar 30€ 20€
As matrículas poderán formalizarse en dous periodos e debe terse en conta, unha vez máis, que a adxudicación se fará por orde de inscrición e dándolle prioridade ás familias que soliciten a entrada ás 8.30h.. O prazo de matrícula para o servizo durante o mes de xullo estará aberto do 3 ao 14 de xuño e no mesmo periodo tamén se poderá reservar praza para o mes de agosto pagando dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, xa que son as que teñen preferencia. As de fóra terán que agardar a que lles confirmen antes a praza.
Para inscribir os nenos na Aldea de verán durante o mes de agosto o prazo estará aberto entre o 1 e o 15 de xullo coas mesmas condicións que no caso anterior. Quen queira obter máis información sobre o programa pode dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027. A solicitude e o resto da documentación requirida -cuestionario médico, dni e autorización- pode presentarse no rexistro municipal de forma presencial en horario de 8.30 a 14.30h. ou ben a través da Sede Electrónica.