Friday 22 de November de 2024

Un cento de persoas participaron na visita teatralizada ao Pico Sacro


 

Un cento de persoas participaron onte na visita teatralizada A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, que se desenvolveu no Pico Sacro. Esta iniciativa, incluída na programación do ciclo cultural Un mes e Pico, levou ao público por distintos puntos deste Monte Sagrado para representar e episodio en que os restos do Apóstolo Santiago chegaron a este emblemático lugar e foron finalmente protexidos pola Raíña Lupa.

Aires Nunes foi o guía desta particular viaxe polo tempo e polas lendas xacobeas. Tras unha primeira introdución sobre os episodios acontecidos neste enclave, entraron en escena os dous discípulos do Apóstolo Santiago, Teodoro e Atanasio, e a Raíña Lupa, completando este ameno percorrido histórico e cultural. Unha visita na que tamén se amosaron puntos de referencia como a Capela de San Sebastián, o propio cumio do Pico Sacro ou a rúa da Raíña Lupa, poñendo en valor, unha vez máis, a importancia deste Monte Sagrado como referente natural e cultural e fortemente vencellado á tradición xacobea.