Thursday 21 de November de 2024

Cen rapaces e rapazas das bandas xuvenís de música de Lousame e Ortigueira actuarán este sábado no polideportivo municipal de Lousame


Cen rapaces e rapazas das bandas xuvenís de música Lousame e Ortigueira ofrecerán un concerto este sábado 13 de decembro, ás 18:00 horas, no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Unha iniciativa incluída dentro do proxecto Bandeando e que conta coa colaboración do Concello de Lousame, da Deputación da Coruña, da banda xuvenil de Ortigueira e da Asociación Cultural Prudencio Romo.

Ángel Vilas, presidente da Asociación Cultural Prudencio Romo, explica que “esperamos contar cun cento de nenos e nenas de menos de 15 anos, que ensaiarán a primeira hora da mañá e despois ofrecerán un concerto aberto ao público duns 45 minutos no polideportivo da Silva, ao que convidamos a toda a veciñanza”. Unha iniciativa que “axuda a promover a banda xuvenil e que os nenos fagan algo máis que xogar ás maquiniñas”, indica María Nimo, vogal da asociación.

Os rapaces da banda xuvenil de Ortigueira chegarán a Lousame ás 10:30 horas deste sábado 13 de decembro. Tras ensaiar os temas que tocarán pola tarde canda a banda xuvenil de Lousame, a expedición partirá cara a área recreativa de Cabanetán, onde farán un xantar de confraternidade. Ás 18:00 horas terá lugar o concerto no polideportivo da Silva, de entrada libre e gratuíta.

Esta iniciativa forma parte do proxecto Bandeando, encamiñado a favorecer o desenvolvemento das bandas infantís e xuvenís e promovido pola Asociación Nacional de Directores de Banda, que incluso editou un CD e un libro con este motivo.